+034 986 09 02 04 Xoves 21 de Xuño de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

As Brigadas da Deputación acondicionarán máis de 20 estradas durante o mes de decembro


O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, sinala a importancia da reforma da vía entre Bueu e Igrexario de Cela, que estará finalizada a vindeira semana

As brigadas de Infraestruturas da Deputación de Pontevedra acondicionarán durante este mes de decembro máis de vinte estradas da rede provincial. Os traballos, consistentes en reparacións, melloras de firme, desbroces e limpeza de cunetas supoñen un “importante traballo de mantemento para garantir unha mellor seguranza viaria nas vías de titularidade provincial”, segundo indicou o deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez.
Na zona de Pontevedra, as brigadas estiveron actuando a principios de mes no contorno de Príncipe Felipe, realizando unha limpeza das vías e un desbroce da maleza. Tamén se realizaron traballos de mellora do firme na Lama, na estrada que vai entre Ponte Verdugo-Cambeses-Barcia.
Na área do Deza outra das brigadas estivo realizando unha limpeza de cunetas de forma pormenorizada na EP-6004 Prado-Vilatuxe, con medios humanos e maquinaria propia da Deputaicón. Así mesmo, dende o día 9, a brigada está a traballar en obras de asfaltado do contorno do viveiro de empresas do polígono Lalín 2000, segundo as ordes dadas polo deputado de Mobilidade. Esta actuación consiste no acondicionamento do acceso ao edificio do viveiro, coa realización dun sobreancho e pavimentación da zona, que estará finalizado esta misma semana. Tamén se está a realizar dende o día 1 unha batida de limpeza xeral con outra brigada na EP- 7005 entre Aguiones-Santeles-Santa Cristina, no concello da Estrada. Neste mesmo municipio actuouse na EP-7001 entre A Estrada-Forcarei durante varios días, así como na EP-7524 entre Olives-Sequeros.
No Concello de Forcarei, pola súa banda, os operarios estiveron realizando labores de mellora do firme arranxando as diferentes fochancas das vías entre Soutelo-Covas e o ramal de Magdalena, así como na EP-7201 entre Cachafeiro-Silleda. Por outra banda, en Silleda a brigada realizou un desbroce e limpeza manual da EP-6503 entre Silleda-Siador-Refoxos e na EP-6501 Grava-Escuadro. En Cerdedo realizouse unha limpeza viaria e desbroce de cunetas con maquinaria e de xeito manual na EP-7001 entre Cerdedo-Castro-Quireza.
Por outra banda, no Sur da provincia foron varias as brigadas que repartiron o traballo do acondicionamento das estradas. A pasada semana realizáronse actuacións de rehabilitación do firme nas vías da zona de Redondela, onde tamén se limparon as taxeas de varias estradas, que estaban colapsadas por arrastres de material, ao igual que na contorna do Concello de Soutomaior. Na zona de Mondariz, pola súa banda, fíxose unha batida de reposición de firme en zonas de fochancas e tamén limpezas viarias xenéricas. No Concello de Ponteareas limpáronse cunetas na EP-4003 entre Confurco-Couso, así como na EP-5107 Covelo-Paraños no concello de Covelo, na que a brigada leva traballando dende o día 1 deste mes co fin de realizar unha mellora en profundidade.
No Concello de Vigo os operarios estiveron realizando limpeza de beirarrúas na EP-2001 Calvario-La Garrida, para despois pasar ao Concello de Tui, no que desplegaron os medios humanos e materiais da Deputación para realizar unha limpeza e desbroce tanto mecánicos como manuais na EP-2502 entre Cerquido e Ribadelouro e na EP-3001 Tui-Rebordanes. Por outra banda, dende o pasado día 9, a brigada (provista dunha barredora) está mellorando a limpeza viaria nas estradas provinciais que unen Porriño e Torneiros e Porriño e Mosende.
Na zona do Morrazo, o deputado Uxío Benítez explicou que o traballo da brigada estase centrando dende o pasado día 1 na EP-1304 entre Bueu e o Igrexario de Cela, onde había problemas de desprendementos dun talud que non estaba ben contido. A Deputación ordenou actuar de urxencia na zona e actualmente un equipo de canteiros está a traballar no levantamento de muros que permitan asentar a vía de cara ao futuro. Os operarios provinciais están, ao mesmo tempo, realizando as actuacións necesarias para sanear o firme e a súa base, realizando formigonados e recrecidos que impidan que o terreo siga caendo. A previsión, segundo indicou Benítez, é que a finais desta semana ou principios da que ven, segundo o permita a climatoloxía, se realicen xa os traballos de asfaltado para que a estrada volva “ser transitable e segura”.
O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, salientou o traballo que diariamente realiza o persoal das brigadas e dos diferentes parques de maquinaria, que calificou como “o primeiro chanzo para garantir a seguranza viaria nas estradas de titularidade da Deputación. O novo goberno provincial ten entre os seus obxectivos salvagardar a seguridade das vías e cara a ese fin traballará nos vindeiros catro anos”, finalizou.

Deja un comentario