+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Agosto de 2018

O goberno de Lalín reduce nun 24 por cento os seus gastos de persoal en comparación cos do Partido Popular


As cifras desmenten de maneira clara e rotunda as falsidades expresadas polo Partido Popular no pleno do pasado venres

O Goberno municipal de Lalín vai reducir en case un 24 por cento os seus gastos de persoal durante o vindeiro ano. Este aforro explicítase de maneira clara nas cifras que recollen os orzamentos para 2016, que recibiron o visto e prace da corporación municipal no pleno do pasado venres.

Neste documento económico reflíctese que o próximo ano o Concello vai destinar a salarios do persoal dos órganos do goberno un total de 295.085,92 euros. En todo caso, nesta cantidade inclúense os 5.866 euros das pagas extras correspondentes ao persoal de Goberno que había no ano 2012 e outros 24 mil euros correspondentes ao administrativo co que vai contar por primeira vez o grupo da oposición, que é o Partido Popular. Unha vez restadas estas dúas cifras queda claro que o gasto real en persoal do actual Goberno local so é de 265.219,22 euros.

Esta cantidade supón un aforro do 23,84 por cento con respecto ao gasto do Partido Popular no ano 2015 e que ascendía a un total de 348.239,22 euros, incluíndo dedicacións exclusivas, persoal eventual e o chófer do alcalde, que estaba en exclusiva ao seu servizo e que agora pasou a realizar outras funcións no Concello toda vez que o rexedor apenas usa o coche oficial.

Os datos de aforro son aínda máis reveladores se se teñen en conta as catro dedicacións exclusivas que pensaba ter o Partido Popular de seguir no Goberno, a teor do anunciado durante a campaña electoral das pasadas municipais. Sería unha situación semellante a que se producía no ano 2010, na que o PP tiña un gasto de dedicacións exclusivas de 222.803,28 euros e un gasto de 227.699,26 en persoal de confianza. Eran, polo tanto, un total de 450.472,54 euros en gastos de persoal para o Goberno, un 41,12 por cento máis caro que o que está a orzamentado para o próximo ano polo actual executivo (265.219,22 euros).

Para o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, estas cifras “desmenten de maneira clara e rotunda as falsidades manifestadas no pleno do pasado venres polo Partido Popular, cando se aseguraba que este Goberno lle ía saír máis caro aos lalinenses”. O rexedor afirma que “xa estamos empezando a estar afeitos a que os membros do PP utilicen a mentira e a manipulación para tratar de paliar a súa falta de argumentos, pero as cifras son tercas e moi contundentes: este Goberno pode incrementar as partidas que destina a políticas sociais, a fomento de emprego e á recuperación do rural porque, entre outras cousas, é un Goberno máis barato que o anterior. En concreto, un 24 por cento máis barato que o ano pasado e un 41 por cento máis barato que en 2010”.

Deja un comentario