+034 986 09 02 04 Sábado 07 de Decembro de 2019

Cores Tourís comprobou os traballos da comunidade de montes de Viladesuso (Oia) de cara a prevención de lumes forestais


Executáronse labores de tratamentos silvícolas e roza ao longo de 173 hectáreas no que vai de ano

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá os traballos de prevención de lumes forestais e recuperación medioambiental que a comunidade de montes de Viladesuso en Oia está a executar grazas a colaboración económica da Consellería de Medio Rural.

Na visita, Cores Tourís estivo acompañado do secretario da comunidade de montes, Rafael Lomba, da concelleira de Oia, Carmen María Estévez así como do xefe territorial de Medio Rural, Miguel Pérez Dubois.

O delegado territorial acercouse ata o lugar onde se acaban de rematar os traballos recentemente invitado pola comunidade de montes. Estas obras supuxeron a execución de rozas e tratamento silvícola ao longo de máis de 173 hectáreas. “Hai que destacar a labor desta comunidade de montes para previr os lumes forestais e recuperar medioambientalmente este área que foi moi castigada polos incendios do 2006”, explicou Cores Tourís, quen engadiu que, de feito, “a súa labor é esencial para manter este monte limpo e coidado, permitindo que volva a recuperar a súa antiga beleza. Por eso, a Xunta de Galicia continuará a colaborar con Viladesuso”.

De feito, o secretario da comunidade solicitou a colaboración da administración nun proxecto de potencialidade turística deste entorno no que se atopan tamén incluídas ás comunidades de montes de Mougás, Pedornes e Santa María de Oia baixo o nome de “Costa dos Castros”. O obxectivo destas comunidades é por en valor toda a zona de castros e petroglifos que existen neste concello e para elo, acondicionar os sendeiros de acceso e os propios entornos dos mesmos. “Permitiría que moitos visitantes e incluso camiñantes da ruta do Mar do Camiño de Santiago, descubriran a beleza e a historia do noso concello”, explicou Lomba.

A comunidade de montes de Viladesuso conta con 500 hectáreas de extensión, e na mesma conviven manadas cabalos salvaxes e vacas.

A execución dos traballos que hoxe visitou o responsable territorial da Xunta tiveron un coste de case 202.000 euros e consistiron na poda, clareo, roza, apiñado e eliminación de restos.

José Manuel Cores Tourís recordou que a administración autonómica está a traballar, en colaboración coas comunidades de montes, para limpar e preparar os montes de cara a frear o risco de incendios, levándose a cabo un control selectivo do combustible en devasas, faixas auxiliares de pista, rexenerado forestal natural aí como na roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais, coa finalidade de reducir a carga de combustible presente no monte e crear zonas con descontinuidade horizontal e vertical, contribuíndo así a diminuír o risco de propagación de incendios forestais e a minimizar os danos causados por estes sinistros se ocorreran.

“De feito, na provincia de Pontevedra, no presente ano, investíronse 7,2 millóns de euros para xestión de montes e prevención de incendios, o que permitiu traballar sobre 8.577 hectáreas e executar 24 depósitos de auga”, engadiu Cores Tourís, quen aproveitou esta visita para facer un chamamento á implicación da cidadanía, solicitándolle que extremen calquera acción que desenvolvan no monte en calquera época do ano. “Entre todos temos que coidar dos nosos montes”, matizou o delegado territorial.

Deja un comentario