+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Agosto de 2019

Cuíña aposta por destinar a políticas sociais aos 4 millóns de euros que o PP di que vai meter nun apeadeiro do AVE en Lalín


O alcalde afirma que “prefiro que o AVE non pare en Lalín e dispoñer deses cartos para as prioridades dos veciños ou á rebaixa da inxusta peaxe da AP-53”

O alcalde de Lalín asegurou hoxe que estaría “disposto a renunciar a que o AVE pare en Lalín e poder dispoñer dos cartos que custaría este proxecto para as verdadeiras prioridades das veciñas e veciños do municipio”. Rafael Cuíña responde desta maneira á promesa electoral do PP de facer un apeadeiro do Tren de Alta Velocidade en Lalín, unha promesa que cualifica de “desesperado desvarío electoralista, contrario ás necesidades das veciñas e veciños da nosa vila, moitos dos cales están a pasar por momentos moi difíciles”.

Rafael Cuíña considera que “dicir que se van gastar 4 millóns de euros nesta iniciativa, e máis nos tempos que corren, é case unha falta de respecto, por non dicir unha tomadura de pelo”. “O que quere a xente é que lle resolvan as súas necesidades básicas e non que lle vendan motos que non van a ningures”. “Para que queremos un apeadeiro do AVE”, pregúntase o mandatario, “cando hai xente que non ten nin sequera para pagarse a comida ou a vivenda? Se de min dependera eses cartos irían destinados a mellorar a vida das persoas que realmente o precisan: a vivendas sociais para persoas sen recursos ou a recuperación do rural”. “E se o que de verdade se quere é mellorar a conexión de Lalín co resto de Galicia o que hai que facer é apostar en serio e dunha vez por todas pola rebaixa da inxusta peaxe da AP-53. Aí é a onde deberían ir dirixidos os esforzos dos candidatos do Partido Popular”.

En todo caso, Cuíña enmarca esta promesa na incerteza do PP polos resultados das próximas eleccións xerais. “O señor Crespo quere ser Senador a toda costa, pero está vendo que a cousa cada vez está máis difícil xa que a xente das parroquias de Lalín apenas aparece polos seus mitins. Así que volve a recorrer á torpe estratexia que desaloxou do poder: prometer gastos faraónicos e desmesurados en proxectos de dubidosa viabilidade técnica, no canto de poñer as necesidades reais da xente no centro da súa preocupación política”.

Deja un comentario