+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018

Henrique Aguiar foi o gañador absoluto do I Torneo de Xadrez da Eurocidade


Un centenar de participantes déronse cita nesta competición que por vez primeira en Europa se celebra entre dous países

O portugués Henrique Aguiar foi o gañador absoluto do I Torneo de Xadrez da Eurocidade coa participación dun centenar de xadrecistas. Esta foi a primeira vez en Europa que se disputaba un mesmo torneo de xadrez en dous países.

A competición comezou na Cámara Municipal coa benvida por parte dos responsables de deportes das dúas cidades, José Monte e Laureano Alonso na Praza de República en Valença. A continuación Roberto Paramos, xerente de Xadrez Galego e director do torneo, e Emilio Pazo, responsable do Club Xadrez Tui, organizador do mesmo xunto ao Club Xadrez Infortui, deron as normas básicas do evento, amosando o seu agradecemento aos dous concellos pola iniciativa. A Praza da República acolleu as partidas das tres rondas matinais así coma un xadrez xigante, que foi un gran atractivo para os máis cativos, que deron os seus primeiros movementos neste deporte.

A partir das catro da tarde, e coa presenza do medallista olímpico tudense Enrique Míguez, a actividade trasladouse á Sala de Exposicións da Área Panorámica de Tui, coa disputa das catro rondas finais na que houbo grandes enfrontamentos entre os xogadores.

A última hora da tarde tivo lugar a entrega de trofeos por parte dos concelleiros de deportes de Tui e Valença, Laureano Alonso e José Monte, do olímpico Enrique Míguez, dos directivos dos clubs organizadores. Portugal copou os tres primeiros premios na categoría absoluta. Así Henrique Aguiar foi o vencedor deste I Trofeo de Xadrez da Eurocidade, seguido da Carlos Dantas e Rui Gomes. Tamén se entregaron os premios nas categorías escolares.

Esta foi a clasificación final:

Categoría Absoluta:
1. Henrique Aguiar (POR)
2. Carlos Dantas (POR)
3. Rui Gomes (POR)
4. Samuel Villar (Vigo)
5. Gustavo Pires (POR)
6. Bruno Gomes (POR)
7. Bruno Leite (POR)
8. Jose Luis García (Vigo)
9. Iván Carretero (Tui)
Rubén Fernández (Vigo)

Categoría Escolar:
1º SUB 16 Brais Vieitez
1º SUB 14 Jose Bahamonde
1º SUB 12 Diego Fernández
1º SUB 10 Cristian Páramos
1º SUB 08 Javier Caudet

A Eurocidade Tui-Valença desexa felicitar a todos os xogadores/as e acompañantes pola súa participación neste I Torneo de Xadrez, aos integrantes do Club Xadrez Tui e Club Xadrez Infortui, e Xadrez Galego, pola organización deste evento, así como agradecer ás empresas colaboradoras o seu apoio no deporte do xadrez.

Deja un comentario