+034 986 09 02 04 Mércores 22 de Agosto de 2018

Augas de Galicia reclama máis de 300.000 euros ao Concello de Ponteareas


A cantidade, que non estaba contabilizada no departamento económico, é consecuencia do impago por parte do anterior goberno local de parte das obras da ETAP e dos intereses de demora

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, vén de reclamar ao Concello de Ponteareas o pagamento dunha débeda de 317.366 euros de parte das obras da Estación de Auga Potabilizadora e os xuros de demora xerados polo retraso no pago.
Segundo a documentación remitida por Augas de Galicia o consistorio debería ter aboado unha cantidade de 276.228 euros entre os anos 2010 e 2011.
Sorprendentemente, a información sobre esta débeda non figuraba no departamento económico do Concello. Para o Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, “estamos ante outro exemplo do descontrol que reinou nos gobernos do PP, pois en 2013 o anterior alcalde, Salvador González Solla, pedíu aprazar e fraccionar o pago nas anualidades de 2014 e 2015 e a Xunta aceptouno. Sen embargo, Solla non pagou nin un euro e a débeda aumentou polos xuros de demora en 41.000 euros máis, até sumar os 317.366 euros que se reclaman agora”.
O alcalde solicitou xa unha reunión co Director de Augas de Galicia para negociar o pagamento da débeda.
Represas salientou que “este goberno está realizando un esforzo de depuración das contas e das débedas para ter unha imaxe real e fiel da gravísima situación económica na que o PP deixou o Concello. A nosa intención é sanear o Concello en dous anos e dar absoluta transparencia á situación económica municipal”.

Deja un comentario