+034 986 09 02 04 Xoves 18 de Outubro de 2018

O temporal provoca diversos incidentes no municipio de Ponte Caldelas


O alcalde Andrés Díaz e unha brigada de operarios municipais se manteñen alerta ante posibles continxencias

Tiveron que intervir para sinalar e asegurar un muro en Taboadelo, retiraron varias árbores caídas na estrada da Pé da Moa e evacuar varios vehículos xunto ao paseo da Calzada para evitar danos ante o crecemento do caudal do río Verdugo

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, mantense pendente da evolución do temporal e o crecemento do caudal do río Verdugo. A brigada municipal que se atopa de guardia tivo que intervir ante o derrubo dun muro de contención en Taboadelo así como na retirada de varias ramas e árbores da estrada de Pé da Moa. Os operarios municipais tamén procederon a retirar varios vehículos estacionados xunto ao paseo da Calzada para evitar danos ante o aumento do nivel das augas do río.

Desde primeira hora da mañá o alcalde Andrés Díaz atópase ao fronte dun dispositivo de emerxencia e prevención coa intención de atender as disintas continxencias que se van provocando ao longo do día a medida que vai avanzando o paso da fronte fría polo municipio de Ponte Caldelas e que vai descargando sucesivas trombas de auga.

Así, a primeira hora da mañá se producía o derrubamento dun muro na parroquia de Taboadelo. A brigada formada por operarios municipais se desprazaron ata o lugar para realizar labores preventivas, a base de sinalar a zona para advertir aos vehículos e persoas do problema e procederon a retirar o material desprendido para asegurar a zona.

Os operarios municipais tiveron que actuar tamén na estrada de Pé da Moa onde a acción combinada do vento e as choivas provocaron a rotura de ramas e a caída de árbores que tiveron que ser cortados con motoserras por traballadores do Concello e retirados da estrada para deixala expedita.

Asemade, despois de poñerse en contacto coa Garda Civil e intentar localizar aos propietarios de varios vehículos estacionados nas inmediacións do paseo da Calzada, o alcalde ordenou a evacuación dos automóbiles ante a posibilidade de que unha inminente crecida do río Verdugo provocara serios danos nos coches alí aparcados.

Finalmente sinalar que o alcalde Andrés Díaz manterá activo o operativo de prevención e intervención urxente a cargo dos operarios municipais mentras dure a alerta laranxa e se vexa ameazada a seguridade cidadá por mor do paso desta fronte fría que en Ponte Caldelas deixa abundantes choivas e continuas rachas de vento.

Deja un comentario