+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018

Supermercados Gadis patrocinará a Food Truck promocional da XLVIII Feira do Cocido


O alcalde mostrouse satisfeito polo acordo e agradeceulle á distribuidora galega a súa boa disposición a colaborar na difusión da Feira do Cocido de Lalín

O Concello de Lalín e Gadis (Grupo Gadisa) asinaron nos pasados días o acordo de patrocinio para a food truck (restaurante rodante), que promocionará a XLVIII Feira do Cocido polas sete maiores cidades de Galicia (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela e Ferrol), e pola cidade de Braga, en Portugal. Na firma participaron o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña e o Director de Márketing de Gadisa, Antonio Cortés Lobato.

Con este acordo, o Concello de Lalín comprométese a poñer a disposición de supermercados Gadis o patrocinio da food truck que se situará sempre nos lugares emblemáticos das cidades ás que visite, e o día da Feira do Cocido (31 de xaneiro), na Praza da Igrexa de Lalín, actuando como punto de información turística. O Concello será o encargado de aportar os medios persoais necesarios para que se leve a cabo a promoción, así como a asumir os gastos necesarios derivados do alugueiro do vehículo, ademais de proporcionarlle a Gadisa canta información solicite sobre o percorrido e as estadías da food truck nas diferentes cidades. A duración do convenio adscríbese ao período de desenvolvemento das actividades de presentación do cocido nas cidades enumeradas anteriormente entre o 11 e o 31 de xaneiro de 2016.

O alcalde, Rafael Cuíña, mostrouse satisfeito polo acordo asinado e agradeceu “a boa disposición de Gadisa a colaborar na difusión da Feira do Cocido, contribuíndo deste xeito a seguir consolidando este evento gastronómico como un dos máis importantes tanto a nivel galego como nacional”.

Deja un comentario