+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

O alcalde de Ponte Caldelas recibe no consistorio ao socio xaponés da Peña Celtista do Verdugo


O nipón é seguidor de Macinho e contactou por facebook cos siareiros caldeláns

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, recibiu no Cosistorio a visita do socio xaponés da Peña Celtistas do Verdugo, Hidetoshi Mori “Toshiño” que se atopa en Galicia para presenciar o partido que enfrontará en Balaídos ao Real Club Celta de Vigo co Athlétic de Bilbao.

Hidetoshi Mori estivo acompañado na súa visita por un nutrido grupo de socios da Peña Celtista do Verdugo, así como por unha tradutora que se encargou de servir de canle de comunicación entre o alcalde, Andrés Díaz, e o ilustre visitante nipón.

Andrés Díaz deulle a benvida a Ponte Caldelas ao siareiro celtista xaponés e obsequiouno cunha estatuiña do Monumento ao Pescador como símbolo do municipio. O alcalde convidou ao ilustre visitante a coñecer a riqueza paisaxística do entorno do río Verdugo e animouno a probar o cocido galego preparado ao xeito da comarca.

Hidetoshi Mori, coñecido amigablemente por “Toshiño” polos integrantes da Peña Celtista do Verdugo explicou que era a cuarta vez que estaba en Galicia e que viñera ata Ponte Caldelas para coñecer o lugar onde se atopa asentada esta agrupación de siareiros celestes á que pertence a raíz da súa admiración polo ex céltico Macinho que o levou a contactar por facebook con membros desta peña da que agora forma parte.

“Toshiño” recibiu unha camisola do Celta asinada por tódolos xogadores da primeira plantilla celeste e acudirá ao palco de Balaídos como convidado do presidente Mouriño para presenciar o encontro entre o Real Club Celta e o Athlétic de Bilbado. Tamén será convidado a presenciar varios adestramentos do primeiro equipo.

Para rematar esta visita institucional, Hidetoshi Mori, o alcalde Andrés Díaz e os membros da Peña Celtista do Verdugo posaron xuntos diante do Consistorio para inmortalizar a estancia o ilustre siareiro nipón en Ponte Caldelas.

Deja un comentario