+034 986 09 02 04 Luns 18 de Decembro de 2017

Nava Castro presentou A Ruta da Lamprea como novo produto turístico diferenciador de Galicia


A directora de Turismo de Galicia reuniuse hoxe cos alcaldes da comarca do Condado-A Paradanta para expoñerlles este proxecto

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, reuniuse en Ponteareas cos alcaldes da comarca pontevedresa do Condado-A Paradanta para presentar A Ruta da Lamprea, un novo proxecto turístico que implica a sete concellos da ribeira deste río e que está previsto que xa estea dispoñible na próxima temporada de pesca.

Segundo explicou Nava Castro, con esta ruta darase a coñecer o importante patrimonio que rodea a este peixe e a súa captura, “desde as artes de pesca como as pesqueiras ou as estacadas, ata os lugares de interese natural e cultural, como miradoiros, paseos, pontes ou capelas”, entre outros elementos que a compoñen.

A directora de Turismo de Galicia considerou que, no seu conxunto, a Ruta da lamprea constitúe un importante produto turístico que virá a ampliar, non só a oferta turística destes concellos, senón tamén da Comunidade galega en xeral, a partir dun recurso endóxeno como é este peixe tan característico do curso baixo deste río.

Obras de rehabilitación das pesqueiras

Nesta xuntanza cos alcaldes do Condado-A Paradanta, Nava Castro lembrou tamén os acordos asinados entre Turismo de Galicia e os concellos de Salvaterra do Miño e Arbo, co fin de acondicionar a contorna e rehabilitar diferentes pesqueiras, de xeito que poidan recuperar a súa forma construtiva orixinal, así como o seu funcionamento e, “deste xeito, ampliar e mellorar a imaxe turística deste territorio”.

“Con elas –engadiu a directora de Turismo de Galicia- mellorouse a accesibilidade e dotouse a zona de aparellos de pesca e paneis explicativos para que o visitante poida recrear con maior facilidade e dun xeito máis fidedigno a arte da pesca tradicional da lamprea”.

A directora de Turismo de Galicia salientou que as pesqueiras do Miño presentan un legado de incalculable valor histórico, “pero tamén un elemento vivo e en uso, que achega unha dimensión cultural, económica e social á nosa Comunidade autónoma”.

Por último, a directora de Turismo de Galicia referiuse a outros elementos, como o viño e a gastronomía que se porán en valor coa posta en servizo da Ruta da Lamprea, e agradeceu a presenza dos alcaldes da comarca, xa que encontros como este, “contribúen eficazmente á cooperación interinstitucional e ao coñecemento da opinión sobre os proxectos que desenvolvemos antes de poñelos en práctica”.

Deja un comentario