+034 986 09 02 04 Sábado 14 de Decembro de 2019

O concello de Bueu presenta uns Orzamentos para 2016 de máis de seis millóns de euros


NOTA DE PRENSA

O goberno municipal de Bueu presentará unha Proposta de Orzamentos que ascende a 6.352.188 euros tras incluír a partida da Deputación no marco do Plan Concellos 2016, e cun incremento do 10% con respecto ao 2015, no que os orzamentos eran de 5.800.000 euros.
Unha das principais novidades é a baixada do Imposto de Bens Inmobles (IBI), o que significa que os veciños e veciñas do municipio pagarán un 17% menos nos seus recibos con respecto ao 2015. En concreto, e con respecto ao ano anterior, a recadación polo IBI prevé unha redución de arredor de 100.000 euros.
Así, neste ano, segundo o borrador dos orzamentos, o Concello fará investimentos en áreas clave, tal e como é a importante achega para a execución da primeira fase de rexeneración e rehabilitación do Estaleiro da Banda do Río, unha vella demanda da veciñanza, a implantación masiva do sistema de alumeado LED en diversas áreas como a Avenida de Marín e de Pazos Fontenla, a adquisición dunha varredora limpiadora para o chan urbano, a dotación dunha cuberta para o espazo do mercado tradicional, ademais de saneamento, pavimentación e informática, cunha aposta pola renovación tecnolóxica da administración local.
Ademais, tal e como destaca o concelleiro de Facenda, José Cuervo, vaise apostar forte por un Plan de Emprego, esforzo que o Concello de Bueu leva feito nos últimos anos, e que se visibiliza na contratación de trinta novas persoas nas diversas áreas, e na complementación de salarios dos contratados por parte da Deputación de Pontevedra. No caso deste complemento, o Concello de Bueu sitúase como un dos poucos da provincia pontevedresa que complementa os salarios, e que garante unhas condicións dos traballadores en igualdade de condicións.
Nos orzamentos tamén se reflicte un incremento do gasto en políticas sociais, área na que o Concello segue moi concienciado e que se completa coa destinación de fondos para o funcionamento e mantemento dos centros docentes de ensinanza infantil e primaria, as subvencións ás ANPAS para o mantemento dos comedores escolares e Plan Madruga. Neste sentido, acondicionarase o novo local destinado á recolocación do Centro de Información á Muller (CIM) e do departamento de Servizos Sociais, unha vez remate o expediente de contratación.
Este documento, que deixa patente o incremento dos investimentos reais dos 442.000 euros do 2015 aos 778.000 euros neste 2016, foi enviado aos grupos políticos municipais para o seu estudo, tal e como se comprometera o concelleiro de Facenda, José Cuervo, na sesión plenaria do mes de decembro.

Deja un comentario