+034 986 09 02 04 Sábado 20 de Xaneiro de 2018

A Xunta acorda con Unión Fenosa e os alcaldes de Meaño, Sanxenxo e O Grove estudar as necesidades de mellora do subministro eléctrico da comarca


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra emprazou aos rexedores e a empresa para analizar a incidencia do pasado 1 de xaneiro e poñer en marcha un seguimento das incidencias no subministro eléctrico nesta comarca

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo esta mañá unha reunión na Delegación Territorial co delegado de zona de Unión Fenosa, Fernando Val, coa alcaldesa de Meaño, Lourdes Ucha, e os rexedores de Sanxenxo, Gonzalo Pita, e do Grove, José Cacabelos, de cara a analizar as incidencias no subministro eléctrico do pasado 1 de xaneiro.

Durante esta reunión, en primeiro lugar analizouse a incidencia na subestación de Vilalonga, en segundo lugar os canais de comunicación das reclamacións dos afectados, e finalmente, outras posibles incidencias que se viñeron producindo nos últimos meses.

Trala apertura dun expediente informativo por parte da Xefatura Territorial de Industria para coñecer as causas do incidente do pasado 1 de xaneiro, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra considerou necesario poñer en marcha a reunión celebrada hoxe con dous obxectivos, por un lado coñecer as impresións dos rexedores dos municipios afectados, e por outro, solicitarlles que aporten á administración autonómica os datos de que dispoñan en relación a outras deficiencias no subministro eléctrico, “tanto as que se produciron con anterioridade como as que se produzan no futuro”, engadindo tamén as demandas e queixas presentadas polos propios cidadáns.

“De feito, puxemos en marcha esta reunión para analizar un feito puntual que tivo unha incidencia social importante e que non queremos que se volva producir polo que teremos que buscar as solucións axeitadas”, engadiu José Manuel Cores Tourís.

Durante a reunión de analizouse en primeiro lugar, a planificación de actuacións para completar a reparación da subestación de Vilalonga, “que nestes intres é provisional. A distribuidora terá que responder das labores de mantemento e dos protocolos de actuación realizados durante a avaría”, explicou Cores Tourís.

En segundo lugar, puxéronse sobre as mesa os canais de comunicación das reclamacións dos afectados, que poden dirixirse directamente á empresa distribuidora a través do teléfono 900111999 ou no correo csdistribucionelectricidad@gasnatural.com. Ademais, as oficinas de Consumo da Xunta tamén ofrecen información sobre cómo levar a cabo esas reclamacións, ou en caso de recibir unha contestación da empresa que o cliente non considere axeitada se lle informará sobre cómo presentar unha nova demanda.

Finalmente, durante a reunión pedíuselle aos alcaldes dos municipios afectados que aporten información en relación a outras posibles incidencias e deficiencias no subministro de enerxía eléctrica nos últimos meses, co obxectivo de poñer en marcha, dende a Xefatura Territorial de Industria, en colaboración con Unión Fenosa, un seguimento das incidencias neste subministro na zona de cara a poder executar as infraestruturas que sexan necesarias para solucionar as diferentes problemáticas que están a xurdir neste senso.

Pola súa banda, Unión Fenosa Distribución se comprometeu a presentar un plan de actuacións que permitan avaliar, analizar e resolver estas problemáticas.

“De feito, xa estamos a traballar para mellorar o servizo”, explicou o xefe territorial, Ignacio Rial, presente na reunión. Así, a Xunta acaba de aprobar a autorización para a construción de dúas novas obras no Grove e que permitirán a reposición de servizos en caso de avaría a través de sistemas de telecontrol. “Estas obras serán acometidas por Unión Fenosa nas próximas semanas”, engadiu.

Deja un comentario