+034 986 09 02 04 Xoves 26 de Abril de 2018

Infraestruturas licita mañá as obras de mellora do firme da PO-550 e da PO-504 ao seu paso polos concellos de Cambados, Meaño e Sanxenxo


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciou que o DOG tamén publicará a licitación da mellora da PO-224 entre Pontevedra e Barro

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciou esta mañá que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda licitará mañá as obras de mellora do firme da PO-550 e da PO-504 ao seu paso polos concellos de Cambados, Meaño e Sanxenxo.

Deste xeito, esta licitación sairá publicada mañá, martes 12, no Diario Oficial de Galicia, xunto á mellora que se vai a levar a cabo tamén na PO-224, entre Pontevedra e Barro. Estes traballos, que permitirán mellorar máis de 30 quilómetros, contarán cun orzamento de 500.000 euros.

Tal e como explicou Cores Tourís, as obras consistirán na mellora de 14,5 quilómetros na estrada PO-550 que enlaza Cambados con Dena, Vilalonga e A Lanzada, e onde se realizará unha rehabilitación localizada do firme, mediante fresado e reposición dos tramos máis deteriorados. Ademais, ao longo de 3 quilómetros executaranse fresados localizados con microaglomerado en toda a sección e repoñerase a sinalización horizontal. principalmente no fresado e reposición das zonas de pavimento deterioradas.

En relación á PO-504, melloraranse 4,5 quilómetros entre Sanxenxo e Vilalonga, levándose a cabo unha rehabilitación localizada do firme, mediante fresado e reposición dos tramos deteriorados. Posteriormente, estenderase un microaglomerado en toda a sección e reporase a sinalización horizontal.

Finalmente, na PO-224, estrada que enlaza Ponte Bora (Pontevedra) con San Antoniño (Barro), realizarase unha rehabilitación localizada do firme mediante fresado e reposición dos tramos deteriorados, coa reposición das marcas viais que resulten afectadas ao longo de case 11 quilómetros. Ademais, tamén se levará a cabo a execución de resaltos nas beiras da estrada sobre as que se actúe como medida adicional de seguridade unha vez que se trata dunha estrada estreita, sen beiravías e a media ladeira.

O delegado territorial destacou a importancia destas obra de mellora da seguridade viaria, “xa que estamos a falar de estradas que utilizan numerosos veciños destas parroquias de Arousa e Pontevedra”.

Deja un comentario