+034 986 09 02 04 Domingo 26 de Xaneiro de 2020

O concello recibe a varios xogadores/as do Bueu Atlético Balonmán


O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu hoxe ás 19 horas o recibimento aos xogadores e xogadoras do

Bueu Atlético Balonmán que participaron nas diferentes seleccións galegas no marco do recentemente celebrado Campionato de España de Balonmán.
Os homenaxeados cun diploma foron, Lucía de la Torre, na categoría infantil, Ángel Barreiro, en cadete, Lara Patiño, Laura Piñeiro e Ana Piñeiro, en xuvenil feminino, e Brais López, David Iglesias, José López, Raúl Nogueira, e José Manuel López, en xuvenil masculino, todos eles do Bueu Atlético Balonmán.
Neste primeiro recibimento do ano, Félix Juncal, alcalde de Bueu, quixo salientar a importancia do deporte como estímulo vital e o papel que as asociacións e os clubes deportivos xogan nesta faceta. “É toda unha honra que ademais de gozar do deporte se leve o nome de Bueu polo mundo”, destacou Juncal, que estivo acompañado por Manuel Otero, concelleiro de deportes, Ana Isabel Otero, concelleira de igualdade, Teresa López, concelleira de Educación, José Manuel Vilas, voceiro do PSOE, e Mercedes del Pilar Oter, concelleira do PP.
Presentación da I Regata de Traíñas ‘Pepe o Ruso’
A continuación do recibimento, tivo lugar a rolda de prensa de presentación da I Regata de Traíñas ‘Pepe o Ruso’, que se vai celebrar o vindeiro domingo, 17 de xaneiro, a partir das 11.30 horas da mañá e que busca achegar este deporte á poboación. Ata o xoves pódense inscribir os clubes que participarán nesta homenaxe a un dos iniciadores e que máis fixo polo Club do Mar de Bueu, José Fazanas, máis coñecido como ‘Pepe o Ruso’. Tanto a directiva do Club como os políticos presentes quixeron destacar a importancia deste home para o club e a súa humildade para colaborar sempre coas súas tarefas, sen esperar nada a cambio. Ao tempo que serve como homenaxe, esta regata, terá como obxectivo ir preparando aos clubes para a Liga de Traiñas, e ser un primeiro achegamento da tempada.

Deja un comentario