+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

A alcaldesa tilda de mentirosos e manipuladores ós membros de Gañamos pola súa campaña contra o PXOM


Asegura que son convidados de pedra a un Plan Xeral no que se leva traballando 12 anos

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, pronunciouse hoxe sobre as críticas en prensa do grupo municipal Gañamos sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal. Críticas baseadas na “manipulación” e na “mentira”, tal e como asegura a rexedora local mosense.

En primeiro lugar Arévalo fixo referencia ás lamentables declaracións de Francisco Troitiño dicindo que “a aprobación provisional do PXOM fíxose de présa e correndo sen subsanar previamente as deficiencias”. Neste sentido a alcaldesa pregúntase como o voceiro de Gañamos pode facer tales declaracións cando “levamos 12 anos traballando no Plan Xeral e eles, dende xuño que tomaron posesión, non se preocuparon nin se interesaron pola aprobación inicial e non foi ata o pasado 23 de decembro, -unha semana antes do Pleno de aprobación provisional-, cando comezaron a solicitar información ó respecto”, explicou a rexedora local declarando que os membros de Gañamos deberían sentir vergoña ante o seu propio comportamento, porque non deixan de poñerse en evidencia públicamente.

“Só pensan no seu interese político e non no interese xeral de Mos”, insiste Nidia Arévalo, quen asegura que, por tal motivo, “este partido debería de chamarse EngañaMos”; polas súas constantes mentiras, enganos e manipulacións da realidade.

Considera Arévalo que o que pretendían dende Gañamos era que ela non cumprise a súa promesa de aprobar provisionalmente o PXOM antes do remate de 2015, “pero esta alcaldesa sempre cumpre o que dí”, asegura. A alcaldesa tamén defende que o proceso de aprobación do Plan Xeral de Mos foi o máis transparente de todos os Concellos da zona, xa que se ampliou o prazo de exposición pública de dous a tres meses e durante as pasadas datas de Nadal habilitáronse sete días a maiores (non obrigatorios por lei) en horario de mañá e de tarde cun técnico urbanístico para poder consultar o documento a aprobar provisionalmente. Ademais, previamente, o Plan pasara tamén polas dez parroquias mosenses para que todo o que quixera consultalo puidera facelo na súa propia parroquia e non ter que desprazarse lonxe do seu domicilio.

E, neste sentido, a rexedora local lembrou que todos os grupos membros da Corporación Municipal estiveron presentes en cada unha das reunións do Plan Xeral, incluso nas da Xunta de Galicia celebradas en Santiago de Compostela e ás que a alcaldesa convidounos contando coa asistencia de algúns nalgunha ocasión.

Continuou argumentando Nidia Arévalo que o último retraso na aprobación do PXOM produciuse pola eliminación do trazado da nova autovía Vigo-Porriño. “Senón o Plan xa estaría aprobado dende fai dous anos e Gañamos nunca houbera tido nada que ver neste proceso de aprobación”, dixo Arévalo. E é que, segundo a alcaldesa de Mos, Gañamos, presente na Corporación Municipal mosense dende maio de 2015, “é un convidado de pedra que chega tarde ó PXOM e, como tal convidado de pedra, o que debería é, como mínimo, abterse”.

“Os membros de EngañaMos”, que así os denomina a alcaldesa, “son uns irresponsables que o único que fixeron polo Plan Xeral foi limitarse a ensuxar o municipio con panfletos unha semana antes do Pleno coa intención de manipular a veciñanza, pero os veciños e veciñas de Mos non se deixaron enganar e a sesión plenaria do 30 de decembro estivo chea de mosenses que estaban a favor do PXOM, mentres que a comparsa de Troitiño estivo integrada por unhas escasas sete persoas”, explica Arévalo.

Sobre as acusacións de Gañamos sobre que o PXOM converte as zonas urbanas e algúns núcleos rurais en auténticos polígonos industriais, a rexedora local aporta a aclaración pertinente e real avalada técnicamente polo departamento municipal de Urbanismo. Unha vez máis o señor Troitiño cíñese á mentira, e a realidade é que os chans urbanizables terciarios como o de Rexenxo ó que alude Gañamos ten un uso principal terciario comercial con compatibilidade hostaleiro, oficinas, dotacional e residualmente pequenas actividades artesanais e industriais compatibles con uso de vivenda.

En canto aos chans industriais que tamén alude Gañamos, situados fronte ó Centro de Saúde, son chan urbano industrial nas vixentes normas. “Pero o señor Troitiño non conta que se conseguiu que sexan chan urbano o Centro de Saúde e o Hospital do Rebullón”, lamenta Arévalo. A maioría dos chans industriais ós que alude Gañamos son existentes actualmente e os que se prevén desenvolver están graduados en relación ás vivendas con medidas correctoras. Mesmo hai o proxecto dunha gran zona verde que separe a zona residencial de Puxeiros de Monte Faquiña. E hai que dicir que a propia Ordenanza de Chan Industrial prohibe ruídos, cheiros e marca medidas correctoras.

Tampouco conta Gañamos na súa nota de prensa os chans industriais que se eliminaron como toda a fronte da zona de Carrocerías Giráldez en Sanguiñeda, que era chan urbano industrial e agora pasa a ser residencial. Na zona de Sanguiñeda prima a zona terciaria moi necesaria para o desenvolvemento do tecido comercial que sempre é compatible co uso de vivenda. Esta é a zona referente en implantación de comercio en Mos con máis de 30 operadores comerciais xa implantados.

En canto á materia ambiental, o PXOM segue o procedemento rigoroso de acordo á lei vixente, conta coa memoria ambiental favorable así como cun total de 32 informes sectoriais favorables tamén. Polo que, unha vez máis, queda demostrado que os membros de Gañamos non teñen credibilidade; de modo que a alcaldesa mosense ínstaos a que deixen de facer o ridículo e fagan o favor de ser serios.

Arévalo, rexedora local mosense, concluiu o seu comunicado asegurando que Francisco Troitiño, voceiro de Gañamos “leva seis meses perdido sen saber por onde anda”. “A ignorancia é moi atrevida e por iso ten o descaro de facer semellantes declaracións en prensa”, remataba a alcaldesa.

Deja un comentario