+034 986 09 02 04 Martes 04 de Agosto de 2020

O BOPO publica mañá a ampliación do prazo para que os concellos soliciten os centros de compostaxe comunitario do Plan Compost da Deputación


Cada composteiro permitirá tratar o 40% do lixo que se xera nos fogares dos veciños

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPO) publicará mañá venres o anuncio oficial da ampliación do prazo para que as entidades locais da provincia presenten as súas solicitudes de centros de compostaxe comunitario no marco do Plan Compost da Deputación de Pontevedra. Así, en lugar de finalizar o prazo o luns 18 de xaneiro, o último día para presentar os proxectos será o 1 de febreiro de 2016.
Como xa anunciara o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, esta ampliación do prazo débese «á constatación de que os concellos se están a implicar na posta en marcha da compostaxe comunitaria como solución aos problemas económicos e ecolóxicos que presenta a actual xestión do lixo». Mosquera lembrou que o tratamento dos residuos de cociña e vexetais dos lugares nos que se instalen os composteiros farase ‘in situ’, polo que se reducirá nun 40% a cantidade de lixo que se traslada a Sogama dende ese ámbito. Eso, explicou, «supón un gran aforro, tanto por aplicar un sistema de tratamento máis barato como por eliminar os custes de recollida e traslado».
Son moitos os concellos que nestes momentos se atopan na fase de concienciación e implicación da cidadanía no proxecto, con reunións informativas constantes, algo totalmente imprescindible. Mosquera lembra que nas bases de selección das propostas municipais o que máis primará será o compromiso dos veciños e comerciantes da zona para aportar os restos de comida e vexetais (o que se denomina fracción orgánica do lixo) nos composteiros comunitarios situados máis preto dos seus domicilios. Neste sentido, a Deputación require un listado nominativo daquelas persoas que colaborarán na achega dos seus desperdicios, aínda que só un compromiso firmado dun representante de cada unidade familiar. Para cada composteiro comunitario terase que garantir unha poboación mínima de 60 persoas situadas nun radio de actuación de 200 metros.
Outros dos criterios que darán puntuación para os proxectos dos concellos serán que estes aporten o material estruturante (restos de podas, clareos, limpezas de montes ou fincas) para a mestura coa fracción orgánica do lixo; que se teña estudado como retirar e utilizar o compost obtido por parte dos veciños ou ben en fincas e xardíns públicos; e que a ubicación do centro de compostaxe comunitaria sexa a axeitada, tendo en conta o espazo dispoñible, as características do terreo e os seus usos actuais e as características dos espazos limítrofes. O máximo a acadar serán 100 puntos por proposta.
Os beneficiarios da primeira fase do Plan Compost poderán ser todas as entidades locais da provincia de Pontevedra, se ben serán os concellos os que deben canalizar as propostas de asociacións, colectivos ou mancomunidades interesados. A cada entidade local subministraráselle un máximo de 24 unidades modulares de un metro cúbico para crear centros de compostaxe de diferentes tamaños (de tres a 12 módulos cada un).
Unha comisión de valoración da Deputación fará a escolma dos proxectos municipais máis viables e plasmará a súa proposta nun informe. Este finalizará nunha resolución definitiva que requirirá do visto bo do departamento de Intervención provincial.
Segundo asegurou o vicepresidente, os centros de compostaxe poderán instalarse nas súas ubicacións definitivas moi probablemente no primeiro trimestre do ano, data que coincide coa fin da formación das mestras e mestres composteiros.
O obxectivo da Deputación provincial, según insistiu o vicepresidente Mosquera, é que neste mandato se teñan cubertas as necesidades dun cuarto da poboación da provincia.

Deja un comentario