+034 986 09 02 04 Venres 22 de Febreiro de 2019

O equipo de goberno de Ribadumia fai entrega da doazón de 450€ a Cáritas e Protección Civil de Ribadumia


A cantidade doada corresponde á contía asignada ao Equipo de Goberno polo Pleno Extraordinario de constitución do Grupo Mixto celebrado o pasado 18 de decembro

O equipo de goberno de Ribadumia entregou hoxe a Protección Civil e a Cáritas de Ribadumia a contía correspondente polo Pleno Extraordinario do 18 de decembro, tal e como manifestaran no pleno sinalado.

A cantidade doada, 225€ a cada entidade, corresponde á contía asignada aos cinco concelleiros do equipo de goberno que reciben asignación por pleno.

Tal e como sinalou o alcalde, “esta decisión enmárcase ante a situación de precipitación na que foi convocado este pleno extraordinario por parte do Partido Popular de Salomé Peña, sen importarlle a esta os 900 € que lle custa este pleno aos veciños de Ribadumia”.

Tal e como afirma David Castro, “a decisión de convocar ese pleno extraordinario paréceme moi preocupante, xa que a oposición preferiu repercutir un gasto de 900€ aos veciños e non esperar ao próximo pleno, onde xa comunicáramos en plenos anteriores que trataríamos o tema do grupo mixto unha vez ben analizados todos os informes recibidos polas distintas administracións”.

Por todo iso, afirma que “o equipo de goberno de Ribadumia, ante esta preocupante situación, decidimos doar a cantidade que nos corresponde de 450€ a Protección Civil e Cáritas de Ribadumia para a compra de alimentos e outras necesidades” .

Representantes de Protección Civil e de Cáritas das distintas parroquias de Ribadumia recolleron hoxe a doazón, agradecendo esta decisión por parte do equipo de goberno.

Deja un comentario