+034 986 09 02 04 Luns 24 de Xuño de 2019

O CPI Xulia Becerra Malvar acolle charlas sobre medio ambiente, reciclaxe e separación de residuos


As charlas desenvolvéronse ao longo desta mañá e foron impartidas por un técnico do Grupo Soil

O CPI Xulia Becerra Malvar acolleu na mañá de hoxe diversas charlas sobre medio ambiente, reciclaxe e separación de residuos destinadas ao alumnado de primaria do centro escolar. Estas charlas foron organizadas polo Grupo Soil en colaboración co Concello de Ribadumia e o CPI Julia Becerra Malvar.

O obxectivo das mesmas é o de concienciar aos nenos na reciclaxe e explicarlles cáles son as mellores pautas para facelo. Esta iniciativa, tal e como asegurou o técnico do Grupo Soil que impartiu as charlas, é un bo método para que os nenos leven a casa a importancia da separación de residuos e fomento da estratexia 3R (Reducir, Reciclar e Reutilizar).

Nas charlas tamén se intentou introducir aos nenos na práctica da compostaxe e na concienciación do uso do punto de limpo, xa que Ribadumia conta con un punto limpo en Leiro con horario de apertura os sábados de 09:00 a 14:00 horas.

A directora do Centro Escolar, manifestou pola súa parte que “está moi contenta con este tipo de charlas, xa que non é a primeira vez que se desenvolve no centro, así como cos técnicos que viñeron porque aos rapaces lles encanta e esperan contar con máis charlas deste tipo”.

Nas charlas tamén estivo presente o concelleiro de Medio Ambiente, José Ramón Lede que asegurou que ”dende o Concello de Ribadumia sempre intentaremos colaborar en propostas como estas e ao longo destas semanas abriremos novas vías de colaboración co colexio e co Grupo Soil para seguir facendo actividades deste tipo. Tamén é moi importante o desenvolvemento de este tipo de charlas para potenciar o uso do punto limpo que temos en Ribadumia”.

Deja un comentario