+034 986 09 02 04 Luns 06 de Xullo de 2020

A colaboración da Consellería de Economía e Industria permitiu substituir 56 puntos de luz en Vilaboa para reducir o seu gasto enerxético


Estas obras, que se realizaron grazas unha agrupación de municipios xunto a Marín e Pontevedra, inclúense na liña de axudas da Consellería de Economía e Industria que permitirá aos municipios diminuír ata un 60% a factura eléctrica das instalacións substituídas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou as obras que se realizaron no concello de Vilaboa, no entorno de O Toural, para a mellora da eficiencia enerxética.

Na visita estivo acompañado da tenente alcalde do concello de Vilaboa, Ornela Fernández, e do xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, así como da concelleira de Servizos Sociais, María Canosa Otero.

O investimento das obras executadas polo concello de Vilaboa para o cambio de 56 puntos de luz no entorno do Toural, foi de 30.000 euros, dos cales 25.500 foron aportados pola administración autonómica. Deste xeito, grazas a estes traballos, o concello poderá contar cun aforro enerxético de 20.049 kWh/ano o que lle permitirá aforrar case 2.500 euros anuais. En total, reduciranse 13,03 toneladas de CO2 ao ano, o que equivale a 651 árbores.

Estes traballos realizáronse grazas a liña de axudas que a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, destina a proxecto que permitan aos municipios diminuír ata un 60% a factura eléctrica das súas instalacións. No caso de Vilaboa, a subvención obtívose a través dun proxecto agrupado cos concellos de Marín e Pontevedra, ao que se destinaron dende a administración autonómica 127.500 euros, realizándose, en total, un investimento de 150.000 euros.

A Xunta de Galicia, na procura de medidas de aforro e eficiencia enerxética a nivel local prestando apoio económico aos concellos galegos, vén de resolver unha nova convocatoria da liña para a renovación da iluminación pública exterior. Neste senso, 32 concellos da provincia de Pontevedra, téñense beneficiado xa dun programa que lles permite instalar equipos máis eficientes que reducen ata un 60% a factura eléctrica das instalacións substituídas.

A Xunta de Galicia destinou este ano 4,5 millóns de euros a este programa de iluminación exterior do Inega, un 15% máis que na anterior convocatoria, dos cales 1,3 corresponden a provincia de Pontevedra, onde se promoveron 6 proxectos de agrupacións municipais de ata 9 municipios. Neste contexto, cómpre salientar que a liña promoveu, unha vez máis, este tipo de proxectos colaborativos, que viron incrementada a contía da axuda ata o 85%, fomentándose así a cooperación institucional e diminuíndo os custos de execución.

A través desta actuación, a administración autonómica contribúe ao aforro enerxético dos concellos nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio. Así, a convocatoria deste ano permitirá acadar un aforro anual conxunto de máis de 1 millón de euros a nivel galego. Ademais, obterase un aforro enerxético de 6,6 millóns de kWh/ano, o equivalente ao consumo anual dunhas 2.000 familias, ao tempo que se evita a emisión á atmosfera de 4.500 toneladas de CO2, o equivalente a plantar 217.000 árbores.

Nos últimos anos, a Consellería de Economía e Industria ten posto en marcha diversos programas de actuación que promoven un uso racional da enerxía entre a cidadanía, as empresas, e a propia administración, cun investimento superior aos 70 millóns de euros.

Deja un comentario