+034 986 09 02 04 Luns 11 de Novembro de 2019

A Xunta de Goberno adxudica a obra reforma dos postos exteriores da Praza de Abastos


O Concello inviste 110.228 euros na modernización e mellora estética dos locais comerciais que dan á rúa

A empresa Conservia, Rehabilitación e Servicios S.L. será a encargada de levar a cabo as obras de reforma dos postos exteriores da Praza de Abastos de Vilagarcía. A Xunta Local de Goberno acordou na reunión de hoxe adxudicar os traballos á firma pontevedresa por importe de 110.228,54 euros. A reforma incidirá de xeito moi positivo no mercado municipal ao acondicionar e modernizar os postos exteriores do edificio principal e mellorar a súa estética mediante a uniformidade de imaxe.

A oferta da adxudicataria supón un aforro de 9.772 euros respecto ao prezo de licitación e ademais inclúe como mellora a limpeza da totalidade das canalización de recollida de augas pluviais da cuberta, así como as baixadas a efectos de evitar atascos que deriven en filtracións ao edificio. Por último, a empresa comprométese a rebaixar á metade o prazo de execución, que finalmente será de un mes.

O proxecto a levar a cabo este mesmo ano foi redactado polo Arquitecto Municipal e afectará aos 29 postos da Praza que dan ao exterior, tanto os que dan á rúa Arcebispo Lago, como os da rúa Alexandre Bóveda, incluídos os da ala e o pavillón que non foron remodelados na actuación anterior por limitacións orzamentarias. Coas actuacións previstas preténdense mellorar o aspecto exterior e uniformar a imaxe comercial do conxunto, incidindo con elas no obxectivo principal de garantir a conservación da estrutura física do edificio protexido, así como a súa funcionalidade. Para iso actuarase sobre os elementos accesorios que actualmente sofren un deterioro acusado e que ofrecen unha imaxe pouco atractiva.

Novos toldos e persianas de peche

As actuacións que terán unha maior repercusión á vista son a substitución das actuais persianas de peche dos postos por unhas novas proteccións metálicas enrolables iguais para todos os postos. Tamén se colocarán novos toldos de protección coa cor corporativa do Concello. De igual xeito, aproveitarase para renovar a imaxe da parte central da fachada principal que se repintará e rotulará cos logos de identidade corporativa da Praza de Abastos.

Máis vinilos nos ventanais opara atenuar a entrada da luz solar

O proxecto inclúe dúas actuacións máis. Unha, aínda que visible dende o exterior, ten incidencia sobre os postos de venta de peixe do interior da sala de Abastos. Trátase da instalacións de vinilos areados nos ventanais superiores das fachadas da rúa Alexandre Bóveda e García de Caamaño co obxectivo de mitigar a luz solar que penetra no edificio e que, en determinadas épocas do ano, provocaba molestias ás peixeiras. Esta medida vén a complementar a levada a cabo hai dous anos, cando xa se cubriran os vidros das tres entradas á sala de abastos (por García de Caamaño, Arcebispo Lago e Alexandre Bóveda), atendendo á petición dos vendedores.

A segunda das actuacións que se desenvolverán no interior da Praza a través deste novo proxecto de mellora que promove a Concellería de Mercados é o acondicionamento da cámara frigorífica do peixe coa reposición do solado e reparación dos acabados exteriores mediante paneis.

Efecto dinamizador

O proxecto que se prevé que comece en poucos días afectará aos postos exteriores do edificio do mercado recentemente reformado. A imaxe actual que presenta o exterior da Praza deixa moito que desexar, polo que, ademais de mellorar a imaxe, preténdese que esta actuación teña unha repercusión positiva na actividade dos comerciantes, na medida que pode contribuír a dinamizar a súa actividade.

A concelleira de Mercados, Rocío Llovo, contactará coa empresa para facer unha visita cos responsable da mesma á Praza a efectos de comentar in situ a actuación a desenvolver e planificar os traballos para que poidan iniciarse coa maior brevidade.

Deja un comentario