+034 986 09 02 04 Xoves 05 de Decembro de 2019

O Concello abre o proceso para acometer as obras de mellora de pluviais


Na mañá de hoxe, o Concello de Bueu procedeu a enviar as invitacións ás empresas para participar no proceso de selección para a acometida das obras de conexión de augas pluviais da rúa Johán Carballeira co novo punto de vertido, á que poderán concorrer tamén as empresas que o desexen a través do Perfil do Contratante durante oito días naturais a contar desde mañá.
As obras, que foron anunciadas aos veciños por parte do alcalde Félix Juncal nunha reunión o 28 de decembro, faranse mediante un convenio de colaboración entre o Concello e Portos de Galicia, aínda que o total do gasto será sufragado con fondos do Concello, cun orzamento estimado de 51.414 euros, IVE incluído, reservado das partidas do ano 2015.
As obras consistirán na apertura de tres gabias na Rúa Montero Ríos para a conexión das renovadas redes de saneamento de augas pluviais da Rúa Johán Carballeira. Trátase da colocación de dous pozos de rexistro e colectores de saneamento enterrado para levar as augas pluviais ata o novo punto de vertedura. Trátase dun colector cun diámetro de 83 centímetros na súa parte máis alta na recta final da desembocadura, que supera en capacidade ao actual, de 63 centímetros.
Con esta “actuación de calado”, o goberno local agarda que se solucionen os problemas de inundacións que se veñen dando na vila como consecuencia das fortes trombas de auga. Con todo, a finais de decembro e comezos deste mes, a empresa adxudicataria do servizo das augas xa procedeu a substituír as tapas pechadas por unas abertas na rúa Johán Carballeira, ademais da ampliación dos sumidoiros situados a carón do paso de peóns elevado, e da limpeza de sumidoiros e colectores atorados. Ademais, e como medida inmediata procedeuse a reducir o caudal que daba a Johán Carballeira, e desviouse cara ao río os colectores de Pazos Fontenla e da urbanización das Lagoas, medidas que supuxeron unha redución de incidencias meteorolóxicas a pesares das chuvias da pasada semana.

Deja un comentario