+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

Os postos do campo da feira trasladaranse o próximo día 3 á rúa habana, diante do concello, para non coincidir coa carpa MAHOU


Os que están situados na rúa Rosalía de Castro manteranse no seu emprazamento habitual

A feira do próximo día 3 de febreiro non poderá desenvolverse no Campo da Feira Vello, posto que neste espazo estará colocada a carpa patrocinada por MAHOU, que albergará diferentes actividades relacionadas co Cocido e que comezou a instalarse hoxe. Neste contexto, o Goberno municipal acordou cos vendedores ambulantes que os postos emprazados nese espazo se trasladarán durante ese día á rúa Habana, diante do Concello de Lalín, mentres que os que están na rúa Rosalía de Castro poderán manter a súa ubicación habitual. Desta maneira poderán compatibilizarse de forma absolutamente harmoniosa as actividades enmarcadas dentro da celebración do Cocido e o traballo habitual dos feirantes, o que sen lugar a dúbidas propiciará unha maior afluencia de visitantes a Lalín durante esa xornada e contribuirá a dinamizar comercialmente a vila.

Dende a Policía Local procedeuse a informar no transcurso do mercado de onte deste cambio aos vendedores habituais. Igualmente, no día de onte, os concelleiros Miguel Medela e Lara Rodríguez, iniciaron os contactos co colectivo de feirantes para propoñerlles diferentes alternativas para a ubicación das casetas e acadar así á solución definitiva e pactada á que se chegou hoxe.

Os feirantes que habitualmente ocupan a rúa Rosalía de Castro non terán que cambiar o seu emprazamento, xa que a carpa non afecta a esta zona. Dende o Concello baralláronse dende un comezo numerosas propostas para reubicar ao resto de comerciantes. Entre estas, nun principio, ofertouse a colocación dos postos de venda nas rúas Principal, Joaquín Loriga e Praza da Igrexa, mais esta decisión, que tampouco acababa de convencer aos feirantes, foi desbotada por diferentes motivos. En primeiro lugar, o Goberno reconsiderouna ao entender que a colocación da feira nestas rúas podería ser contraproducentes para o comercio local ao competir en vendas co mesmo. Ademais, as dificultades a nivel loxístico para a instalación dos postos, provocadas polas características e as dimensións da calzada, desbotaron definitivamente estes lugares.

Así, a proposta que finalmente se lle trasladou ao colectivo de vendedores ambulantes é a de instalar as tendas na rúa da Habana, nas inmediacións do consistorio. Este emprazamento é a opción máis viable por cuestións de espazo e de comodidade tanto para feirantes como para cidadáns. O alcalde, Rafael Cuíña, entende “os cambios no desenvolvemento habitual da feira poidan non contentar a todo o mundo”, pero agradeceu “a súa altura de miras xa que a carpa do Cocido, que albergará gran número de actividades e servirá para o desfrute dos veciños e para dinamizar a vila, non nos permite outra posibilidade”. Este cambio é totalmente puntual, xa que a carpa MAHOU que tamén acollerá a mostra de gastronomía da Feira do Cocido, será retirada o 10 de febreiro, de modo que non coincidirá coa celebración de máis mercados.

Deja un comentario