+034 986 09 02 04 Martes 04 de Agosto de 2020

A Deputación inicia as obras de mellora da rúa Ruibal-Salcedo


O vicepresidente César Mosquera lembra que a actuación, incluída nun convenio co Concello de Pontevedra, servirá para renovar a rede de pluviais e aumentar a seguranza viaria da zona coa instalación de catro pasos de peóns sobreelevados

As obras de mellora da estrada A Ruibal-Salcedo están xa en marcha. Segundo lembrou o vicepresidente César Mosquera, as actuacións consisten na rehabilitación do firme, na mellora da seguranza viaria e na reparación das canalizacións de pluviais, e están incluídas nun convenio asinado entre a Deputación de Pontevedra e o concello capitalino para reparar os danos causados polas chuvias e o vento durante o temporal do ano 2013 nas zonas do rural pontevedrés. Está previsto que a reforma da rúa da Ruibal, executada pola empresa Covsa e financiada ao 100% pola institución provincial, finalice antes do verán.
Os operarios da adxudicataria xa iniciaron os traballos no día de hoxe, logo de que a enxeñeira provincial visitara a zona de actuación con técnicos municipais a semana pasada.
En canto ás características da obra, a mellora consistirá na creación dunha rede de drenaxe tanto lonxitudinal como transversal para a vía, con máis de 250 metros lineais de tubaxes profundos baixo o firme, así como máis de 160 metros de cunetas revestidas en formigón. Así mesmo, tamén se realizarán limpezas da rede e o seu contorno para evitar os atascos que producen asolagamentos e arrastres sobre a vía.
En canto á mellora do firme, actuarase nun tramo dun quilómetro de lonxitude que presenta problemas de fendas e roturas. Ademais de facer saneos profundos da capa de rodadura nas zonas máis afectadas, aplicarase ao resto do asfalto (70%) un rego de emulsión con grava miúda que servirá de prevención para evitar futuras gretas. Tamén se demolerán pavimentos en mal estado nos enlaces con outras estradas , onde se construirán novos sobreanchos, igual que nas zonas de curva. A nova capa de aglomerado terá seis centímetros de grosor.

Calmado do tráfico
Por outra banda, a mellora da seguranza viaria e da mobilidade peonil serán outro dos eixos da actuación. Neste sentido, está prevista a instalación de catro pasos de peóns sobreelevados (PPS) de tipo trapezoidal de 6,5 x 8 metros, así como de sinalización tanto horizontal como vertical de limitación de velocidade, que reducirá o máximo a 30 quilómetros por hora, igual que no resto do casco urbano. Estos traballos de calmado do tráfico foran requeridos de forma insistente por parte do Consello Parroquial de Salcedo para solucionar os problemas xerados pola circulación rodada na zona.
O proxecto de actuación desta mellora foi realizado polos técnicos municipais mentras que o financiamento corre a cargo das arcas provinciais na súa totalidade (240.000 euros).
O convenio entre a Deputación e o Concello de Pontevedra para reparar os danos do temporal en zonas do rural inclúe tamén os proxectos de mellora da estrada entre Marcón-Campo Santo (a antiga Pedra do Lagarto) e a rehabilitación da ponte sobre o río Rons. Ambas actuacións, con orzamentos de máis de 184.000 e 130.000 euros respectivamente, continúan o seu procemento de contratación por parte da institución provincial.

Deja un comentario