+034 986 09 02 04 Venres 21 de Setembro de 2018

A alcaldesa de Mos plantéxalle á consellería de Medio Rural melloras en camiños municipais e a implementación do Servizo de Emerxencias


Reuniuse en Santiago coa conselleira, Ángeles Vázquez, a este respecto

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, reuniuse esta tarde en Santiago de Compostela coa conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez Mejuto, para abordar unha posible liña de axudas para a mellora de viais, camiños e infraestruturas rurais e para a potenciación do Servizo Municipal de Emerxencias e a súa base de actuacións, sita na Veigadaña.

Dita colaboración autonómica iría fundamentalmente dirixida a optimizar os camiños e as estructuras rurais das parroquias mosenses e á mellora das instalacións da base de actuacións do Servizo de Emerxencias, dotación de maiores recursos humáns, renovación de vehículos e dos equipos de protección individual.

Como cada ano, a rexedora local visita a consellería de Medio Rural para plantexar as necesidades en materia viaria dos camiños municipais, cuxa mellora é de vital importancia para a optimización da seguridade vial tanto de condutores coma de peóns. Neste sentido, Arévalo trasladoulle e solicitoulle a Vázquez Mejuto as solucións para as principais demandas a este respecto das parroquias do Concello de Mos.

No caso do Servizo Municipal de Emerxencias, Extinción de Incendios, Rescate e Salvamento do Concello de Mos, este precisa de acometer obras que melloren e modernicen as súas instalacións posto que nelas non só conviven o Servizo de Emerxencias e Protección Civil, senón que durante a tempada de verán estas dependencias acollen tamén a brigadas forestais e condutores motobomba tanto municipais como doutras entidades.

Ademais sería necesaria a contratación de persoal a maiores e no capítulo de medios, destacar a antigüidade dalgúns vehículos que prestan servizo, en concreto tres, que habería que substituír por uns novos que melloren o servizo ós usuarios.

Outra demanda da alcaldesa á conselleira para o Servizo Municipal de Emerxencias foi a relativa ós equipamentos persoais, xa que é necesario renovar os equipos de protección individual tales como traxes, fundas e cascos.

O Servizo Municipal de Emerxencias, Extinción de Incendios, Rescate e Salvamento de Mos naceu como resposta urxente á necesidade de dotar ó municipio dunha fórmula eficaz, rápida e profesional para asistir as urxencias, extinguir incendios, previr sinistros e situacións de risco tanto a nivel local como na bisbarra, xa que dende aquí coordínanse as accións nesta materia do resto da comarca.

Trátase dun servizo público que tanto palía necesidades como promove a previsión, prevención e rehabilitación nos campos da seguridade e medio ambiente. Traballa na loita e prevención contra os incendios forestais, verteduras e vertedoiros incontrolados, coidado e atención a animais domésticos e silvestres abandoados e/ou perdidos, e organización de campañas de concienciación en centros educativos en colaboración con outros organismos.

Deja un comentario