+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

O domingo arranca o III Trail de Cela con case 400 corredores e camiñantes


O Clube de Atletismo Corredoiras, coa colaboración do Instituto Municipal de Deportes e o Clube Triatlón Morrazo, organiza este domingo, 24 de xaneiro a terceira edición do Trail de Cela, que contará tamén cunha andaina competitiva, probas nas que participarán un total de 395 persoas. Dese total, 215 corredores van participar na carreira absoluta de 25 quilómetros, 40 na categoría de veteráns, 79 na andaina de 25 quilómetros, e 61 na andaina de 15 quilómetros. As probas tomarán a saída no Igrexario, en Cela, ás 9.30 horas no caso da andaina e ás 10 horas para o Trail. O percorrido conta coa novidade de que terá un carácter máis natural, con partida de Cela, baixada a Barraca, subida ata Paralaia, Ermelo, baixada ata Coiro, e tras uns pequenos xiros volta a Cela. Así o anunciaron membros da directiva do Clube Corredoiras, acompañados polo alcalde, Félix Juncal, e o concelleiro de deportes e medio ambiente, Manuel Otero.
No tocante aos premios, haberá trofeos para os tres primeiros clasificados nas categorías absoluta e veteráns, trofeos para os tres primeiros clasificados na andaina de 25 quilómetros, e un trofeo para o primeiro local tanto home como muller.
Ambas as dúas competicións teñen carácter popular e non se precisa ter licenza federativa. Tal e como estipula o regulamento, descargable na web do Clube Corredoiras (https://corredoirasbueu.wordpress.com/ ) os dorsais e o chip de cronometraxe entregaranse o mesmo domingo nas carpas situadas xunta á saída, desde as 8.45 ás 9.45 horas. Na clasificación aparecerán aqueles participantes que realicen a carreira co dorsal e o chip e que se rexistren ao seu paso por todos os controis establecidos. Tal e como destacaron os organizadores, haberá tres puntos de avituallamento, que estarán situados no quilómetro 5, á altura dos campos de Ermelo, no quilómetro 10, xunto á Cruz de Ermelo, e no quilómetro 16, na estrada de Cela-Ermelo.

Deja un comentario