+034 986 09 02 04 Xoves 15 de Novembro de 2018

Infraestruturas licita hoxe as obras de mellora do firme ao longo de case 20 quilómetros en estradas de Arousa e Pontevedra


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciou en Vilanova de Arousa que as actuacións mellorarán tramos que afectan a este concello así como a Cambados, Vilagarcía de Arousa, Barro, Meis e Pontevedra

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciou esta mañá que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda licita hoxe, no Diario Oficial de Galicia, as obras de mellora do firme das estradas PO-302, PO-306, PO-530, VG-4.3 e PO-531, nas que se investirán máis de 620.000 euros.

Estes traballo permitirán mellorar case 20 quilómetros afectando a tramos que atravesan os concellos de Cambados, Vilagarcía e Vilanova de Arousa, Barro, Meis e Pontevedra.

O delegado territorial aproveitou unha visita ao concello de Vilanova de Arousa para facer pública esta licitación en compaña do alcalde da localidade, Gonzalo Durán, do xefe territorial de Infraestruturas e Vivenda, José Luis Díez, e do xefe do Servizo da Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra, Fausto Núñez.

Tal e como explicou Cores Tourís, en todas estas estradas actuarase levando a cabo o fresado e a reposición das áreas que presentan un maior nivel de fisuración, aplicándose microaglomerado e capa de rodadura.

No caso do concello de Vilanova de Arousa, verá mellorar a estrada PO-302 ao longo de 1,8 quilómetros, con reposición do firme naquelas zonas que presentan un maior nivel de fisuración ao longo dos primeiros 700 metros, con microaglomerado ata o punto quilométrico 1+070 e con nova capa de rodadura en toda a seción entre os puntos quilométricos 1+550 al 1+800. Ademais, tamén se mellorará a PO-306 en 1,5 quilómetros, “é dicir, ao longo de toda a estrada, tal e como ocorre coa PO-530, que verá mellorar toda a súa lonxitude, 2,5 quilómetros”, matizou o delegado territorial.

Ademais, tamén se mellorará a VG-4.3 ao seu paso por Cambados, Vilagarcía de Arousa e Vilanova, onde, ademais do firme da propia estrada, tamén se mellorará a capa de rodadura en dúas glorietas.

Finalmente, levarase a cabo a mellora do firme da PO-531 ao seu paso polos concellos de Pontevedra, Barro, Meis e Vilanova de Arousa, ao longo de máis de dez quilómetros. No caso desta estrada, os técnicos consideran importante a súa mellora debido a que existe unha elevada fisuración debido ás condicións climatolóxicas e ao elevado tránsito de vehículos pesados a diario. As obras executaranse nos tramos que quedaron pendentes na anterior actuación de fresado localizado.

Así, entre os puntos quilométricos 0+310 e o 1+510, así como do 11+700 ao 15+950 e 17+550 a 18+810, levaranse a cabo obras de fresado e reposición naquelas zonas que presentan un maior nivel de fisuración, mentres entre os puntos quilométricos 3+600 a 5+500 e 8+900 a 10+220 o que se fará é a aplicación de microaglomerado en toda a calzada para mellorar as características superficiais do firme.

O delegado territorial destacou a importancia destas obra de mellora da seguridade viaria, “xa que estamos a falar de estradas que utilizan numerosos veciños destes concellos tanto de Arousa como de Pontevedra”.

Deja un comentario