+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Novembro de 2018

A zona azul no alto de Puxeiros dará comezo o vindeiro mércores 3 de febreiro


Serán válidos os discos horarios doutros termos municipais da zona, ou, en caso de urxencia, escribir a hora de chegada nun papel

O vindeiro mércores 3 de febreiro dará comezo, no alto de Puxeiros, o estacionamento gratuíto con horario limitado (zona azul).

Esta medida ten como obxectivo a rotación e reparto igualitario das prazas de estacionamento de vehículos do termo municipal de Mos. Será por tanto necesario, xa dende o propio mércores, colocar nun lugar visible, un disco horario no que figure a hora de chegada ao estacionamento.

Estes discos están xa a disposición dos veciños no Rexistro Xeral do Concello e na sede da Policía local de Mos, aínda que tamén serán válidos os discos horarios doutros termos municipais da zona, como os de Salceda de Caselas, O Porriño, Tui, A Guarda, O Rosal, etc., e incluso, en caso de urxencia ou necesidade, será válido escribir a hora de chegada nun papel.

Quedan prohibidos nesta zona de estacionamento regulado, os vehículos que realicen operacións de carga e descarga, os ciclos, ciclomotores e motocicletas, e os vehículos con P.M.A. superior a 3.500 quilos.

Todos aqueles vehículos que infrinxan as normas que regulan o estacionamento con horario limitado, serán sancionados. Neste sentido consideraranse infraccións leves sobrepasar o tempo estipulado nun período igual ou inferior a 30 minutos, estacionar o vehículo novamente na mesma rúa, sen que transcorresen 2 horas dende a hora de chegada e ocupar dúas prazas ou non axustarse ó espazo marcado para o vehículo. Por outra banda serán consideradas infraccións graves sobrepasar o tempo estipulado nun período superior a 30 minutos, modificar a hora de chegada despois do estacionamento, falta do disco comprobante ou colocación que non permita unha axeitada comprobación do seu contido e estacionamento na zona azul dos vehículos expresamente prohibidos.

Deja un comentario