+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018

O concello de Ponte Caldelas levará a pleno mañá uns “Orzamentos Sociais” que prevén a adquisión dunha barredoira e uns investimentos propios que rondan os 400.000 euros



Nun punto previo, o equipo de goberno proporá á Corporación a derrogación da ordenanza que regula as taxas do pavillón de deportes para facilitar un uso gratuíto das instalacións a todas e todos os veciños

O equipo de goberno que lidera o socialista Andrés Díaz sometará mañá a aprobación da Corporación Municipal os primeiros orzamentos da lexislatura do tripartito que contemplan como novidade a compra dunha barredoira e uns investientos propios que rondan os 400.000 euros situando nuns 3.750.000 euros o montante total dos presupostos ao sumarlle os 496.000 euros que aporta a Deputación Provincial. Estas contas municipais foron cualificadas polo alcalde como “as de maior contido social da historia recente do municipio”.

A intención do equipo de goberno é mercar unha barredoira que poda encargarse da limpeza do centro da vila e que estea ao cargo dun so operario co cal quedarían outras tres persoas liberadas desta función para poder ser reasignadas a outras tarefas de mellor aproveitamento municipal.

Asemade, estes orzamentos verán incrementado o volume investidor con respecto ao ano pasado, subindo de 193.000 a 389.000 o apartado destinado a investimentos que irán orientados, fundamentalmente, a atender as demandas plantexadas polos veciños nas asembleas realizadas para recoller as propostas dos 32 lugares que compoñen o municipio. Así, haberá un plan de reposición de pavimento e muros de contención, cun orzamento que superará os 100.000 euros e tamén un incremento 20% destinado a compra de material “para atender pequenas obras e reparacións reclamadas nestas xuntanzas e que sempre quedaban non tinteiro, sin atender, porque o anterior goberno as desprezaba por ser de carácter menor, pero que nós somos conscientes da importancia que teñen para os veciños afectados, como losetas levantadas, augas que se empozan, sumidoiros que reparar, etc.”, indicou Andrés Díaz.

Tamén se acometerán melloras que favorezan a eficiencia enerxética para baixar considerablemente o gasto por consumo eléctrico no alumeado público, arranxos en parques públicos, incorporación dun número reducido de vivendas da Reigosa que quedaron fóra do sistema actual de alcantarillado, contratación de 14 persoas dentro dos Plans de Emprego da Deputación e outras 5 a través da Xunta polo Risga.

AUMENTO DE RECURSOS PARA EMERXENCIA SOCIAL E AXUDA NO FOGAR

Andrés Díaz basea a súa afirmación de que estes orzamentos municipais son os máis sociais da historia recente de Ponte Caldelas en que destinarán este ano un 25% máis ao apartado de emerxencia social subindo a cifra ata os 20.000 euros e o capítulo referido ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) estará dotado con 40.000 euros máis que o exercizo pasado debido á gran demanda detectada o pasado ano polas responsables dos Servizos Sociais do Concello de Ponte Caldelas.

Asemade o alcalde sinalou que estes orzamentos parten co compromiso firme de reducir a elevada débeda do Concello de Ponte Caldelas ata situala por debaixo dos 700.000 euros a final de ano dentro dos esforzos que levará a cabo o equipo de goberno para tentar conseguir ao final da lexislatura o déficit cero nas arcas municipais sin incrementar as taxas nin os impostos.

“Están feitos desde unha visión prudente en canto aos ingresos e moi rigurosos no referente aos gastos facendo para elo un exercizo de eficiencia no aproveitamento dos recursos e das posibilidades coas que conta o Concello. Estas contas, elaboradas de xeito colectivo polos tres grupos que compoñen o equipo de goberno (PSdeG-PSOE, AVP e BNG), están feitas pensando nas persoas e nas demandas plantexadas polos veciños de aí que teñan un claro sesgo social, para axudar aos que máis o precisan, e a potenciar políticas de mellora da calidade de vida e a iniciativas culturais descentralizadas para que cheguen a todos e cada uns dos lugares do noso municipio”, informou o alcalde.

PONTE CALDELAS COMO DESTINO TURÍSTICO SAN, ECOLÓXICO E NATURAL

Por outra banda, o orzamento reforza o capítulo destinado a cultura e promoción turística de Ponte Caldelas que xirarán, básicamente, en torno a un plan cultural novidoso que terá como eixo a descentralización da actividade cultural no maior número de lugares posibles do municipio “e non só no centro da vila como se viña facendo. Queremos dinamizar os centros culturais que están pechados cun ambicioso proxecto que precisará da colaboración cidadá e da implicación dos veciños e das veciñas para que redunde no seu beneficio”, aclaró Díaz.

En canto á promoción de Ponte Caldelas como destino turístico, o alcalde referiuse á partida orientada á creación do primeiro sendeiro azul ligado á primeira praia fluvial de España co distintivo europeo de Bandeira Azul así como a unha serie de circuítos de sendeirismo entrelazados que terán como punto de partida a propia praia fluvial ou o Balneario. Para iso levarán a cabo labores de limpeza e sinalización dos carreiros así como unha adecuada promoción.

Ademáis, o equipo de goberno anunciou que queda aberta unha partida destinada ao ximnasio e comedor do colexio da Reigosa que está pendente da decisión que neste sentido tomen os responsables da Consellería de Educación para concretar o nivel de implicación e compromiso orzamentario do que deberá facer uso o propio Concello de Ponte Caldelas.

APOIO ÁS ASOCIACIÓNS E ENTIDADES SOCIECONÓMICAS E Á FESTA DA TROITA NO SEU 50 ANIVERSARIO

Outro capítulo importante será o destinado ao apoio ás asociacións e entidades socioeconómicas como COEMPO que pasará de recibir unha axuda que pasa dos 9.000 do ano pasado a 20.000 euros deste exercizo e que irán destinado a actividades de promoción económica e dinamización do pequeno comercio e a hostalería local.

As Asociacións de Nais e Pais (ANPAs) do municipio verán incrementado nun 66% a asignación que os orzamentos van a destinar para actividades que organicen ao longo deste ano 2016. Tamén se habilitará unha partida destinada a equipamentos en centros socioculturais así como un plan cultural ambicioso que dinamizarán as zonas rurais do municipio e darán unha nova visión ás festas tradicionais así como á Festa da Troita que este ano acada o seu 50 aniversario que será celebrado dun xeito especial desde o Concello de Ponte Caldelas ao tratarse dunha festa de interese turístico e culinario de fama e trascendencia internacional.

Deja un comentario