+034 986 09 02 04 Luns 24 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra reúnese con representantes do sector empresarial da provincia para impulsar o cpae 2.0


A Presidenta da institución provincial, Carmela Silva, subliñou que “as administracións deben responder ós retos da sociedade e, hoxe en día, o principal reto ó que nos enfrontamos é crear emprego para impulsar o crecemento económico”

A Deputación de Pontevedra acolleu esta mañá unha reunión con representantes do sector empresarial da provincia para impulsar o Centro Provincial de Asesoramento Empresarial. Acudiron ata o Pazo Provincial representantes de AJE Pontevedra, APE Galicia, OPA Galicia, AGTAMAR-UPTA, ATA, AEMPE, Executivas Galicia e AUGA valorando “moi positivamente a posta en marcha de reunións como a de hoxe para afondar na colaboración entre asociacións empresariais e a Deputación de Pontevedra”.

Este encontro cos axentes empresariais da provincia de Pontevedra serviu para dar a coñecer o CPAE 2.0, unha rede de seis centros situados en Lalín, Cambados, Pontevedra, Vigo, Ponteareas e O Porriño que presta un servizo de información a pemes da provincia de Pontevedra e ten por obxectivo potenciar o desenvolvemento económico da provincia a través das tecnoloxías, aumentar a produtividade, introducir a innovación, facilitar a implantación do comercio electrónico e impulsar a venda online.

Carmela Silva asegurou que “tal e como estaba configurado, o CPAE 2.0 non respondía á demanda e necesidade das pemes e autónomos da provincia de Pontevedra”. Por elo, co obxectivo de optimizalo e dar resposta ás necesidades das pemes e autónomos, a Deputación de Pontevedra puxo en marcha este encontro que serviu para dar a coñecer o CPAE ós axentes implicados coa finalidade de que o avalíen e aporten as súas necesidades para, en palabras de Silva, “sumar sinerxias e crear espazos de diálogo que si respondan a demandas reais que sirvan para poñer en marcha procesos de internacionalización tan necesarios nun mundo globalizado no que vivimos”.

Carmela Silva manifestou que “as administracións deben responder ós retos da sociedade e, hoxe en día, o principal reto ó que nos enfrontamos é crear emprego para impulsar o crecemento económico”. Neste contexto, Silva destacou que “nos seis meses de goberno estamos pondo en marcha cuestións e medidas de apoio ós emprendedores, ós autónomos e as pequenas e medianas empresas” e afondou subliñando que, a maiores de optimizar o Centro Provincial de Asesoramento Empresarial, “estamos a impulsar dous espazos de coworking en Barro-Meis e Lalín, mellorando as bolsas de estudantes universitarios e de formación profesional e impulsando un plan de actuación turístico que queremos desenvolver coa colaboración dos 62 concellos da provincia pero tamén co sector empresarial para conseguir impulsar a provincia de Pontevedra”.

Deja un comentario