+034 986 09 02 04 Domingo 27 de Setembro de 2020

Ábrese o prazo para o concurso de ilustración e das mulleres na historia de Bueu con motivo do 8 de marzo


O Centro de Información ás Mulleres (CIM) abre a partir do luns, 1 de febreiro, e ata o 29, o prazo para participar no concurso de viñetas e ilustración “A igualdade no traballo” ao que se poden presentar alumnos e alumnas do último ciclo de Primaria, ESO e Bacharelato do Concello de Bueu cun máximo de tres traballos. Haberá tres premios na categoría de Primaria, 1º a 3º da ESO, e de 4º ESO a Bacharelato, que serán agasallados cunha tableta.
A obra gañadora deste certame será utilizada como deseño da X Campaña de Educación Non Sexista.
Ademais, este ano vólvese recuperar o concurso de fotografía “As mulleres na historia de Bueu”, un certame de recuperación de fotos antigas (anteriores a 1980) que amosen o papel da muller na historia de Bueu, e que está aberto a todos os centros de Primaria e ESO da vila. O prazo ábrese tamén o 1 de febreiro e esténdese ata o 15 de abril, e posteriormente as fotografías serán expostas ao longo do mes de maio ou xuño.
Estas dúas actividades están englobadas na programación do 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, día no que terá lugar a Gala da Igualdade no Centro Social cunha declaración a cargo dos alumnos do IES Illa de Ons, e a tradicional homenaxe que este ano será ás mulleres costureiras de Bueu, decisión adoptada tras o Consello da Igualdade celebrado en decembro de 2015.

Deja un comentario