+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017

O Pleno aprobou coa maioría dos grupos de goberno uns orzamentos municipais de 3.750.000 euros “os de maior contido social da súa historia”


A rebaixa de 8.000 euros do salario do alcalde e a eliminación de dietas e quilometraxe permitirá unha mellora económica para os operarios municipais e a creación da Unidade de Información Cidadá con atención personalizada aos veciños

O equipo de goberno formado polo PSdeG-PSOE, AVP e BNG aprobaron co seu voto maioritario os orzamentos municipais para o 2016, que alcanzan un total de 3.750.00 euros, e que foron cualificados como “os de maior contido social da historia recente do Concello de Ponte Caldelas”. Estas contas, onde se conxelan as taxas e impostos, e se retira a do uso do pavillón de deportes, prevén deixar por debaixo dos 700.000 euros a débeda do Concello na senda por acadar o déficit cero ao final da presente lexislatura. Os cinco edís do Partido Popular expresaron o seu rexeitamento ás contas no Pleno da Corporación.

O alcalde Andrés Díaz, que se referiu a estes orzamentos como “os do cambio e progreso do noso pobo” explicou ante un público que ocupou por completo os asientos do salón de plenos que os orzamentos foran elaborados tendo en conta as necesidades das veciñas e veciños do municipio recollidas nas distintas xuntanzas celebradas para escoitar os problemas que padecen os cidadáns que residen nos 32 núcleos de pobación do concello.

Estes orzamentos, os primeiros elaborados íntegramente polo goberno tripartito, incrementan o volume investidor con respecto ao ano pasado, subindo de 193.000 a 389.000 euros este apartado. Así, haberá un plan de reposición de pavimento e muros de contención, cun orzamento que superará os 100.000 euros e tamén un incremento 20% destinado a compra de material “para atender pequenas obras e reparacións reclamadas nestas xuntanzas dun xeito público e aberto onde todo o mundo pudo opinar e ver o que se pedía e non, como antes, que se arranxaba en privado dun xeito caciquil, a porta pechada entre o alcalde e o veciño nunha clara práctica máis próxima á compra de favores que a unha xestión democrática”, indicou Andrés Díaz.

Tamén se acometerán melloras que favorezan a eficiencia enerxética para baixar considerablemente o gasto por consumo eléctrico no alumeado público, arranxos en parques públicos, incorporación dun número reducido de vivendas da Reigosa que quedaron fóra do sistema actual de alcantarillado, contratación de 14 persoas dentro dos Plans de Emprego da Deputación e outras 5 a través da Xunta polo Risga.

A AMPLIACION DE ORZAMENTOS PARA EMERXENCIA SOCIAL E AXUDA NO FOGAR, EIXO PRINCIPAL DA NOVA POLITICA DO GOBERNO TRIPARTITO

Andrés Díaz foi desgranando as cifras do orzamento ata chegar ao apartado social, eixo fundamental da nova política do goberno tripartito. As novas contas municipais destinarán un 25% máis ao apartado de emerxencia social subindo a cifra ata os 20.000 euros e o capítulo referido ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) estará dotado con 40.000 euros o que suporá un aumento do 33% máis que o exercizo pasado debido á gran demanda detectada polas responsables dos Servizos Sociais do Concello de Ponte Caldelas. Ao Consorcio Galega de Igualdade e Benestar o Concello aumentará un 100% a súa contribución.

Tamén se prevé o incremento dun 67% da partida destinada a realización de cursos de capacitación e formación co fin de favorecer a inserción laboral das persoas que se atopen en situación de desemprego. Contempla tamén un aumento do 110% na colaboración económica coa Asociación de Empresarios Coempo, pasando de 9.000 a 20.000 euros a axuda que o Concello destinará a dinamizar a actividade hostaleira e comercial do municipio.

PONTE CALDELAS COMO DESTINO TURÍSTICO SAN, ECOLÓXICO E NATURAL

Por outra banda, o orzamento reforza o capítulo destinado a cultura e promoción turística de Ponte Caldelas que xirarán, básicamente, en torno a un plan cultural novidoso que terá como eixo a descentralización da actividade cultural no maior número de lugares posibles do municipio “e non só no centro da vila como se viña facendo. Queremos dinamizar os centros culturais que están pechados cun ambicioso proxecto que precisará da colaboración cidadá e da implicación dos veciños e das veciñas para que redunde no seu beneficio”, aclarou Díaz.

En canto á promoción de Ponte Caldelas como destino turístico, o alcalde referiuse á partida orientada á creación do primeiro sendeiro azul ligado á primeira praia fluvial de España co distintivo europeo de Bandeira Azul así como a unha serie de circuítos de sendeirismo entrelazados que terán como punto de partida a propia praia fluvial ou o Balneario. Para iso levarán a cabo labores de limpeza e sinalización dos carreiros así como unha adecuada promoción.

Ademáis, o equipo de goberno anunciou que queda aberta unha partida destinada ao ximnasio e comedor do colexio da Reigosa que está pendente da decisión que neste sentido tomen os responsables da Consellería de Educación para concretar o nivel de implicación e compromiso orzamentario do que deberá facer uso o propio Concello de Ponte Caldelas.

APOIO AOS CENTROS EDUCATIVOS E Á FESTA DA TROITA NO SEU 50 ANIVERSARIO

Outro capítulo importante é o destinado ao apoio das Asociacións de Nais e Pais (ANPAs) do municipio que verán incrementado nun 66% a asignación que os orzamentos van a destinar para actividades que organicen ao longo deste ano 2016. Tamén se habilitará unha partida destinada a equipamentos en centros socioculturais así como un plan cultural ambicioso que dinamizarán as zonas rurais do municipio e darán unha nova visión ás festas tradicionais así como á Festa da Troita que este ano acada o seu 50 aniversario que será celebrado dun xeito especial desde o Concello de Ponte Caldelas ao tratarse dunha festa de interese turístico e culinario de fama e trascendencia internacional.

CREACIÓN DUNHA UNIDADE DE INFORMACIÓN CIDADÁ

A transparencia e o trato personalizado do veciño é unha prioridade que toma forma a través da reformulación da Relación de Postos de Traballo (RPT) que permitirá a creación da Unidad de Información Cidadá e unha nova redistribución das oficinas municipais cun lugar axeitado para que calquera veciño poda ser atendido dun xeito persoal e confidencial.

Esta modificación da RPT contou coa abstención do PPdeG e afrontarase orzamentariamente coa rebaixa de 8.000 euros do salario do alcalde, máis 4.000 euros da súa Seguridade Social, a eliminación das dietas e quilometraxes e o aforro resultante da xubilación do aparellador municipal.

UNHA XESTIÓN MÁIS EFICIENTE QUE PERMITE AFORRO ECONÓMICO

O alcalde tamén defendeu os orzamentos nos que se aplica unha política de eficiencia na prestación de servizos e onde se contempla o aforro de 3.500 euros en combustible, 6.350 en telefonía e uns 1.500 euros en seguros . Tamén se prevé realizar unha auditoría eléctrica para determinar una política de eficiencia enerxética e a eliminación de consumos inxustificados.

Finalmente, Andrés Díaz sinalou que estes eran os “orzamentos do cambio político, da transparencia e da esperanza dun pobo que por fin empeza a abrir os ollos. Son uns orzamentos coa maior carga social da historia, o maior investimento e a maior atención aos veciños e veciñas posto que primeiro foron escoitados ante de que elaboráramos este documento contable. Son, en definitiva, os orzamentos do cambio e do progreso do noso pobo”.

Deja un comentario