+034 986 09 02 04 Mércores 23 de Setembro de 2020

A concelleira de Seguridade anuncia medidas na Policía para mellorar “radicalmente” o tráfico e a seguridade cidadá


Reorganízase o servizo co nomeamento dun oficial e coa creación dunha praza de Inspector

O Goberno Local anunciou varias medidas dirixidas a reorganizar o servizo de Policía Local e dotalo duns métodos de traballo eficaces que “mellorarán radicalmente o tráfico e a seguridade cidadá” segundo indicou a concelleira de Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández.
O goberno municipal salientou que “nestes primeiros meses unha das nosas prioridades foi xestionar a mellora do servizo de Policía, o que requiría dotalo dunhas prazas de mando que dotasen de planificación e eficacia o seu traballo”.
Vanesa Fernández sinalou que “durante todos estes anos o funcionamento da Policía Local non respondeu a un corpo de seguridade moderno e eficaz, malia a cualificación dos 19 axentes en plantilla. Non existían plans de traballo en materia de tráfico e seguridade cidadá, non había unha planificación dos obxectivos e dos traballos a realizar, unha situación caótica da que eran culpables os responsables políticos por falta de dirección, non os traballadores”.
Segundo o goberno local “para superar esas graves deficiencias era fundamental dotar ao corpo de persoal coa responsabilidade de organizar o servizo, elaborar os plans de traballo diarios e semanais, e a iso nos adicamos estes meses”. O resultado desas xestións previas tradúcese agora no nomeamento dun axente como oficial e a creación dunha praza de inspector, que irá ao vindeiro pleno para ser cuberta nos vindeiros meses.
A previsión do goberno é que co nomeamento nos vindeiros días do oficial o cambio se perciba pola cidadanía de inmediato, cunha mellor e máis eficaz regulación do tráfico, unha maior presenza da policía nas rúas, unha mellora nos dispositivos de seguridade para evitar a comisión de delictos. Ademais, o goberno reestruturará o servizo para abranguer tamén outras labores de policía.

Deja un comentario