+034 986 09 02 04 Venres 06 de Decembro de 2019

Ponteareas celebrará o pleno de aprobación do PXOM o 2 de febreiro


A Comisión de Urbanismo ditaminou favorablemente o documento final sen votos en contra
O próximo martes, 2 de febreiro ás 20:00 horas, son o día e a hora marcada na convocatoria para que o documento final do Plan xeral de Ordenación Municipal de Ponteareas sexa valorado polo conxunto da corporación en sesión plenaria extraordinaria, despois de que a Comisión de Urbanismo celebrada na mañá de hoxe, venres 29 de xaneiro, ditaminara favorablemente o mesmo. A votación non rexistrou votos en contra.
Na Comisión de Urbanismo o arquitecto redactor do Plan, a arquitecta municipal e o asesor xurídico, ademais da secretaria municipal. Todos os grupos coincidiron na necesidade de que Ponteareas conte con Plan Xeral de Ordenación Municipal e o goberno agarda que sexa aprobado no pleno co máximo consenso.
Trátase dun documento que pon de manifesto o traballo do goberno anterior e tamén do actual goberno local, con aportes das forzas políticas que conformaban a anterior corporación e a actual.
A data fíxase nunha semana na que o goberno local, encabezado polo alcalde, Xosé Represas, e a concelleira de Urbanismo, Chus Garrote, está mantendo varios encontros con diferentes colectivos para explicar os pormenores do propio documento previo á súa presentación ante a corporación municipal. O xoves 28 de xaneiro produciuse unha reunión do executivo con máis dun cento de directivos de colectivos e asociacións que presentaran alegacións ao Plan. A concelleira de Urbanismo, Chus Garrote, detallou neste encontro que as alegacións estimadas foron 1712 (61,27% do total), as estimadas parcialmente 281 (10,06% do total) e as desestimadas 797 (28,53% do total).

Deja un comentario