+034 986 09 02 04 Venres 26 de Abril de 2019

Tui presenta unha variada programación para o primeiro semestre do ano


A celebración do Entroido e un concerto de Samuel Diz son as primeiras citas en febreiro

Foi presentada a Programación Cultural do primeiro semestre deste ano organizada polo Concello de Tui ao través da Concellería de Cultura. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, foi o responsables desta presentación xunto ao director da AGADIC, Jacobo Sutil, a concelleira de Cultura de Tui, María José González, o vareador de Valença, José Monte, e o músico tudense, Samuel Diz.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, expuxo que esta Axenda Cultural será posiblemente a última con este formato, avanzando o interese de realizala de xeito conxunto a Eurocidade reflectindo así a programación dos dous municipios. Enrique Cabaleiro manifestou que a cultura é un dos piares básicos de Tui, sendo tanto a programación coma as instalacións un referente neste ámbito a nivel galego.
O director da AGADIC, a Axencia Galega das Industrias Culturais, sinalou na súa intervención que o Teatro Municipal de Tui ocupa o primeiro posto da Rede Galega de Teatro e Auditorios na media de espectadores, con 280 persoas por función. Ao tempo lembrou que hai 13 anos que o Concello de Tui forma parte desta plataforma de distribución de espectáculos.
O vareador de Cultura de Valença, José Monte, afirmou que a Axenda Cultural “Corredoira” é tamén de Valença, lembrando coma no municipio se reparten 5 mil exemplares, ao que se suma o feito de que este ano a Cámara Municipal aporta un espectáculo, o concerto da Orquestra do Norte, a esta programación.
A concelleira de Cultura de Tui, María José González, foi a responsable de explicar os datos desta programación. Por unha banda o Teatro Municipal de Tui acollerá dez espectáculos dos que sete chegan a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, dous son contratados directamente polo Concello de Tui e un pola Cámara de Valença. Música, maxia, teatro, monicreques e cinema conforman esta oferta cultural dirixida tanto a público adulto coma infantil, cun orzamento de 24 mil euros dos que o 38% son aportados pola AGADIC. O músico tudense Samuel Diz ofrecerá o próximo venres 19 de febreiro un concerto no Teatro Municipal para presentar o seu último traballo “Impresións e paisaxes, como o primeiro libro de Lorca”. Hoxe na rolda de prensa avanzaba que este será un evento único creado polo equipo do Teatro, no que agarda ter a mesma acollida que no recital que ofreceu en 2012 neste espazo. A música volverá ser protagonista o 12 de marzo coa Orquestra do Norte de Porto cun concerto titulado “De Oriente a Occidente. Para público infantil actuará o mago Cayetano Lledó con “Máxico Circus Cabaret”, Magín Blanco co musical “Gatuxo”, e Tanxarina presentará a obra de monicreques “A casa do avó”. Haberá cinema coa proxección de “Meigallos” e un espectáculo de teatro para bebés titulado “Zapatos” da man de Caramuxo Teatro. Mentres para público adulto Teatro do Atlántico representará “O principio de Arquímedes”, Teatro do Morcego achegará a obra “Presidente”, e Artesacía presentará “Balor na acción dunha cadeira” coa actriz tudense Laura Villaverde. As entradas para cada espectáculo poranse á venda unha semana antes da función en www.culturatui.info ou o mesmo día hora e media antes do comezo no despacho de billetes. Os prezos oscilan entre os 3 e os 7 euros nos espectáculos para público adulto e entre 2€ e 3,5€ nos dirixidos a público infantil.
A estas citas súmanse outros eventos a realizar no exterior coma o Entroido, do que a concelleira de Cultura informou que este ano serán 18 comparsas, e máis de 1.500 persoas, as que participen no Desfile-Concurso do próximo luns 8 de febreiro. A Semana do Teatro Afecionado e outros eventos a celebrar nas Festas de San Telmo, as feiras de Artesanía e do Libro, Play-Doc, xunto ás actividades a realizar na Biblioteca Pública Municipal ou na Sala de Exposicións Municipal son tamén recollidas neste número 31º da Axenda Cultural Corredoira.
Da Axenda Cultural Corredoira edítanse 15 mil exemplares que son distribuídos tanto en Tui coma en Valença.

Deja un comentario