+034 986 09 02 04 Xoves 17 de Xaneiro de 2019

O Concello asina un convenio de colaboración coa Asociación Medrando á Par


Este acordo permitirá desenvolver sesións de apoio a familias que teñan nenos de entre 0 e 3 anos e desexen utilizar estes encontros como medio de socialización para os cativos
José Antonio Expósito, presidente da Asociación Medrando á Par, asinou o venres, 29 de xaneiro, o convenio de colaboración co Concello de Ponteareas acompañado polo alcalde, Xosé Represas e pola concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera.
Medrando á Par é una Asociación sen ánimo de lucro que ten como obxectivo dar resposta ás necesidades que xorden na sociedade actual nos eidos social, educativo, familiar, ofrecendo distintos servizos destinados tanto a profesionais como á poboación en xeral.
Esta asociación está composta por un equipo multi disciplinar de profesionais con formación e experiencia no traballo de orientación, asesoramento e intervención educativa cuxo principal obxectivo é fomentar a competencia educativa de diferentes núcleos familiares en reunións de apoio nas que participan pais, nais, nenos e nenas.
Grazas á sinatura deste acordo, todas aquelas familias con nenos e nenas entre 0 e 3 anos ao seu cargo, poderán participar en reunións quincenais, de xeito completamente gratuíto, nas que se abordarán cuestións relativas á educación dos nenos e nenas, ofrecendo pautas para os problemas e as necesidades que teñan as familias, como, por exemplo, lograr que o neno e a nena durma só ou que supere os medos nocturnos, entre outros. O lugar no que terán lugar estas sesións será a Escola Infantil Municipal, situada na rúa Escritor Domínguez Benavides, número 1.
A través destes espazos ofrécese ás familias a posibilidade de intercambiar experiencias nas que os pequenos terán a posibilidade de socializarse con outros nenos das mesmas idades, participando en actividades didácticas. O vindeiro día 11 de febreiro terá lugar unha reunión informativa na Sala de Usos Múltiples do Auditorio Municipal. O encontro dará comezo ás 17 horas e servirá para informar detalladamente do servizo a todas as familias interesadas, así como os requisitos para formar parte do mesmo.

Deja un comentario