+034 986 09 02 04 Martes 17 de Xullo de 2018

Román Rodríguez anuncia un investimento de 60.000 euros para a reparación e conservación da Ponte Ledesma


O conselleiro de Cultura e Educación presentou un proxecto co que o seu departamento dá resposta ás necesidades de limpeza da ponte, que comezaban a deteriorar as xuntas e dificultar a escorrentía de augas pluviais

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou hoxe un investimento de arredor de 60.000 euros para acometer diversas actuacións de reparación e conservación na Ponte Ledesma, situada entre o concello pontevedrés de Vila de Cruces e o coruñés de Boqueixón.

O titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia –acompañado pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua, así como polos alcaldes de Vila de Cruces de Boqueixón, Jesús Otero e Ovidio Rodeiro, respectivamente– desprazouse esta mañá ata o enclave, onde explicou as diferentes obras que se van a realizar na ponte co obxecto de garantir a súa conservación.

Tal e como explicou o conselleiro, detectouse que a vexetación que recobre a ponte está provocando un deterioro nas xuntas. Así mesmo, a maleza existente nos canais de drenaxe dificulta a correcta escorrentía de augas pluviais. Neste sentido, o proxecto de reparación inclúe tanto a limpeza dos muros co obxectivo de retirar as herbas e as plantas como o posterior rexuntado a base de cal na cantería granítica existente. En canto aos canalóns, plantéxase un redeseño tendo en conta a urbanización existente.

Reforma do pavimento
A maiores, a Consellería tamén levantará o pavimento de lastra de granito existente co fin de igualar todo o firme e así obter un acabado uniforme. Así mesmo, substituiranse as luminarias actuais, xa que presentan signos de deterioro.

Deste xeito, e tal e como remarcou o conselleiro, a Consellería dá cumprimento ao compromiso adquirido en xuño de 2015, cando anunciou unha avaliación do estado da ponte en aras de valorar posibles intervencións.

En todo caso, esta actuación súmase á promovida entre os anos 2003 e 2004 pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, na que se investiron preto de 120.000 euros, que correron a cargo da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

Actuacións en pontes históricas
Por outro lado, cómpre destacar o compromiso da Xunta de Galicia coas pontes históricas. De feito, o ano pasado leváronse a cabo varias actuacións de salvagarda e conservación destes enclaves por un valor próximo aos 350.000 euros. Entre as ditas intervencións atopábase a Ponte do Demo, situada entre o propio concello de Vila de Cruces e Silleda. Cun investimento de 53.000 euros, as obras serviron para reparar os danos ocasionados polo derrubo dunha parte dun muro do estribo por mor da acción do río.

Deja un comentario