+034 986 09 02 04 Martes 13 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Éxito de público na estrea de ‘Os vellos non deben de namorarse’


Cheo absoluto no Auditorio de Sexto Edificio na primeira representación da obra adaptada a teatro de marionetas

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, presentou esta mañá no Auditorio do Sexto Edificio a primeira representación da única obra de teatro de Castelao, ‘Os vellos non deben de namorarse’, nunha adaptación a teatro de marionetas, coa que a Deputación de Pontevedra inicia o programa de actuacións do denominado Ano Castelao. “Será un ano no que levaremos por toda a provincia todo un programa de exposicións, representacións teatrais e actividades culturais relacionadas con Castelao, ás que haberá que sumarlle as dúas grandes exposicións previstas para o Museo, a de Casleao Artista e a de Meu Pontevedra” afirmou Leal durante a súa intervención previa á representación. O deputado provincial salientou que “a estrea desta obra non podía facerse en mellor marco ca este”, en alusión á relación do autor de Rianxo co propio Museo de Pontevedra, que é ademais onde se gardan os dous manuscritos sobre esta obra.
Esta adaptación a teatro de marionetas correu a cargo da compañía Fantoches Baj, dirixida e fundada polo lalinense Inacio Vilariño, e gozou dunha gran aceptación de público ata o punto de esgotarse as entradas dispoñibles case 24 horas antes da estrea. Entre o público que acudiu á representación atopábase o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro.
A representación segue con gran realismo o texto orixinal, e para a súa posta en escena emprega ata 40 marionetas, 10 espazos escénicos, e máis de 12 pezas musicais que inclúen as 3 partituras orixinais do propio Castelao que se conservan. ‘Os vellos non deben de namorarse’ fora definida polo propio Castelao como ‘unha obra imaxinada por un pintor e non por un literato’ en alusión á súa concepción dos elementos escenográficos, tales como a iluminación, o cromatismo dos decorados e do vestiario dos personaxes, e as máscaras que deseñou especificamente para a súa estrea no Teatro Mayo de Bos Aires en 1941, das cales seis se conservan e se expoñen ao público no Sexto Edificio desde o ano 2012.
Coa representación desta mañá, o departamento de Cultura e Lingua da Deputación inicia as efemérides relacionadas con Castelao que se celebrarán ao longo deste exercicio, entre as que se contan o Ano Castelao promovido pola Real Academia Galega das Belas Artes, a conmemoración do centenario da chegada do autor a Pontevedra, e o 75 aniversario da estrea da súa única obra teatral.
Obradoiro infantil de máscaras
Ata o 3 de febreiro permanecerá aberto o prazo de inscrición para o obradoiro infantil de Entroido do Museo, que nesta ocasión terá como referencia as seis máscaras realizadas por Castelao para a estrea da súa obra teatral en Bos Aires e que poden verse nunha das salas do Sexto Edifico desde o ano 2012.
O obradoiro concíbese coma unha confluencia entre as características propias do xénero do teatro de máscaras e os aspectos propios do Entroido, e ten como obxectivo que os nenos e nenas participantes poidan crear a súa propia máscara inspirada nos personaxes do terceiro lance da obra do escritor de Rianxo. Unha vez realizada a máscara, poderán protagonizar unha pequena representación teatral a partires do texto orixinal, e explorar as súas capacidades xestuais e expresivas.
Os obradoiros realizaranse o luns e o martes de Entroido, 8 e 9 de febreiro, en horario de 11 a 13 horas, e poderán participar 20 rapaces e rapazas cada día, de idades comprendidas entre 6 e 12 anos. A inscrición debe realizarse a través do Gabinete Didáctico do Museo, no teléfono 986804100, extensión 42413, ou no enderezo de correo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es. No caso de que o número de solicitudes supere o número de prazas, realizarase un sorteo o xoves 4 de febreiro e publicarase a lista definitiva de nenos e nenas admitidas na web www.museo.depo.es e no punto de información do Sexto Edificio.

Deja un comentario