+034 986 09 02 04 Luns 18 de Decembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Adxudicadas a Vila Miño S. A., por 1,3 millóns de euros, as obras do viveiro de empresas de Barro-Meis


Presentáronse ao concurso 17 empresas

A Xunta de Goberno da Deputación adxudicou definitivamente as obras do viveiro de empresas de Barro-Meis por un importe de 1,3 millóns de euros.

Presentáronse ao concurso 17 empresas; a oferta gañadora e, polo tanto, a adxudicataria das obras foi Construcións Vila Miño S. A.

Con esta adxudicación a Deputación avanza na creación de condicións favorables para o emprendimiento na provincia ao habilitar dous viveiros de empresas, un en Lalín e outro en Barro-Meis, para acoller proxectos emprendedores.

Os dous viveiros póñense en marcha ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Administración provincial e o Incyde, que conta cunha dotación económica total de 2,5 millóns.

Deseño

O viveiro adxudicado situarase nunha parcela de máis de 5.000 m2 no polígono de Barro-Meis e centrará o seu peso nas “naves-niño”, para un tipo de proxecto empresarial orientado á produción, á industria, a talleres ou a oficinas.

O deseño do edificio decidiuse por medio dun concurso de ideas, do que resultaron gañadores os arquitectos vigueses Juan B. Pons e Lucas Gándara.

No deseño os arquitectos combinan a calidade estética cun deseño funcional que aposta pola flexibilidade e a capacidade de adaptación ás necesidades dos emprendedores.

Con este obxectivo o inmoble terá carácter modular para que poida adecuarse aos proxectos que nel se instalen, para ser ampliados en caso de necesidade.

Deja un comentario