+034 986 09 02 04 Sábado 22 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra salienta o papel do laboratorio de Mouriscade como referente en seguranza alimentaria


A presidenta do ente provincial, Carmela Silva, acompañada pola deputada delegada de Mouriscade, Eva Vilaverde, presentou as novas instalacións do laboratorio ao sector

“Este edificio vai albergar o coñecemento, porque a investigación é imprescindible para que o sector primario, especialmente o agrogandeiro, que tantas dificultades ten para subsistir con dignidade, poida ser competitivo”, afirmou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, durante o acto de presentación do novo laboratorio de Finca Mouriscade ante o sector e representantes políticos da comarca do Deza. A presidenta do ente provincial centrou a súa intervención nunha férrea defensa da necesidade de que o sector agrogandeiro galego sexa competitivo asegurando que “é un sector que forma parte da nosa historia, da nosa tradición, e é o sector no que somos líderes e no que somos excelentes, e para que sexa competitivo temos que ter instrumentos”. Do servizo que o laboratorio de Mouriscade ofrece ao sector, Carmela Silva sinalou que “oferta seguridade alimentaria, que hoxe en día é tan demandada polo consumidor actual”.

Tanto a presidenta como a deputada delegada de Finca Mouriscade, Eva Vilaverde, coincidiron en salientar o labor e o compromiso de todos os traballadores e traballadoras “que fixo que se situase na actualidade como o laboratorio de referencia de todo o noroeste peninsular”, ao tempo que insistiron na necesidade de que todas as Administracións “traballen da man e na mesma dirección”. Eva Vilaverde insistiu en convidar tanto aos representantes do sector como dos concellos a “facer achegas e propostas que posibiliten a apertura de novas liñas de traballo neste centro”. Sobre as novas instalacións, a deputada asegurou que “supoñen unha substancial mellora que nos permite adaptar os novos recursos ás necesidades e os espazos aos fluxos de traballo existentes” e sinalou que “é un novo punto de partida que espero que supoña un relanzamento deste laboratorio, sempre da man do sector e das súas necesidades” .
Na mesma liña se manifestou o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, que cualificou o laboratorio como “un proxecto neurálxico para a comarca, unha comarca eminentemente rural, agrogandeira, e con gran relevancia das materias primas de alimentación animal como os ensilados”. Pola súa banda a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, que asegurou que “con este laboratorio estámoslle dicindo a Europa que apostamos polo sector, que é un sector que foi dando pasos de xigante para adaptarse sempre ás esixencias do consumidor en temas como a seguridade agroalimentaria”.

Novas instalacións e balance anual
As novas instalacións do laboratorio de Finca Mouriscade foron financiadas grazas a un acordo de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Consellaría do Medio Rural, mediante o que cada Administración fixo unha achega do 50% do custe total que ascendeu a 2.065.228 euros. Este convenio fora asinado no 2013 e as obras remataron no último trimestre de 2015.
Para a adquisición de novos equipamentos, a Xunta de Goberno do ente provincial aprobou a finais do pasado mes de decembro o expediente para contratar a subministración e instalacións de novos equipos, por un importe de 98.500 euros.
Durante o pasado exercicio, o laboratorio recibiu un total de 64.156 mostras de forraxes, pensos e materias primas, das cales 2.332 correspondían a gandeiros e gandeiras da provincia de Pontevedra. Estas 2.332 mostras foron analizadas a custe cero, o que supuxo un aforro de 19.588 euros para estes gandeiros e gandeiras.
En canto a mostras de identificación de xermes de leite, analizáronse 17.324 mostras durante o 2105. Destas mostras, 15.963 procedían de cooperativas e gandeiros e gandeiras da provincia, polo que se realizaron a custe cero e supuxeron un aforro de 83.007 euros para estes clientes. Entre ambas liñas, os gandeiros e gandeiras da provincia obtiveron un aforro de 102.595 euros.

Deja un comentario