+034 986 09 02 04 Martes 04 de Agosto de 2020

A Deputación e o concello de Sanxenxo estudian ampliar a mellora da rúa Luis Rocafort a toda a estrada


Preténdese que o proxecto inclúa a renovación das tubaxes de subministro de auga deterioradas, a incorporación das novas cesións de terreos e que cumpra os novos criterios de mobilidade da institución provincial

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Sanxenxo estudan ampliar o ámbito de actuación da mellora prevista para a rúa Luis Rocafort de Sanxenxo a toda a estrada en lugar de limitar a reforma a 600 metros, tal e como estaba proxectada polo anterior goberno provincial. Esa foi unha das cuestións tratadas esta semana na reunión mantida entre o deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, e o alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita. O encontro serviu para analizar o proxecto de urbanización tras detectarse por parte da Deputación Provincial varias deficiencias da actuación prevista inicialmente.
Así, nestes momentos a institución provincial buscará as fórmulas para garantir a renovación das canalizacións subterráneas (algunhas delas de fibrocemento en moi malas condicións). Estas deficiencias puxéronse de manifesto nun informe encargado á concesionaria, que indicou a existencia de zonas con deterioros importantes que precisarían de renovacións e obras a medio prazo.
Tamén se pretenden incluír nas melloras as cesións conseguidas polo Concello de Sanxenxo que permitirán construír beirarrúas de dimensións correctas para garantir unha mobilidade peonil segura, cómoda e de calidade. Segundo explicou Pita, «no mes de xullo o concello sanxenxino enterouse de que as beirarrúas proxectadas non gardaban aliñación e non contemplaban servizos en todo o trazado», dixo, polo que a partir de entón iniciáronse as xestións cos propietarios para que cederan terreos a ambos lados e poder facer unha reforma global. Segundo Pita indicou ao deputado de Mobilidade os veciños entenderon que esas cesión mellorarían considerablemente o resultado final da obra e, a excepción da fronte dun edificio, están xa todas apalabradas.
En canto á conexión de Luis Rocafort coa estrada PO-308 o goberno local de Sanxenxo desbotou a posibilidade de executar un túnel por consideralo ineficaz para resolver a conxestión de tráfico que se rexistra nesta estrada no verán. Unha decisión que é compartida pola Deputación provincial.
Por outra banda, os técnicos provinciais tamén pretenden incorporar outras melloras que garantan a accesibilidade universal. De feito o arquitecto e asesor provincial de Mobilidade Jesús Fole xa ten definidas cales deben ser as liñas a seguir. Finalmente, a intención é que a obra na rúa se acometa nunha única fase, sen deixar treitos sen executar. Agora os técnicos provinciais buscarán os mecanismos para poder cumprir estas propostas e dar unha solución o máis pronta posible á situación para iniciar as obras.
Hai que lembrar que unha vez rematada a urbanización, esta estrada pasará a ser de titularidade municipal, motivo polo que o Concello de Sanxenxo manifestou o seu interese en que a obra se faga «coas maiores garantías, na totalidade do seu trazado, coa urbanización do cen por cento, e coa substitución das tubaxes, que tampouco estaba contemplada. Agora a Deputación terá que estudar se é posible facelo nestas condicións”.

Deja un comentario