+034 986 09 02 04 Luns 17 de Decembro de 2018

A Xunta destaca a importancia da interlocución constante cos colexios profesionais de Galicia


Alfonso Rueda, participou no almorzo-coloquio organizado pola Unión Profesional de Galicia, asociación que agrupa a máis de 40 colexios profesionais e que engloba a máis de 50.000 profesionais

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda destacou a importancia que ten para a Administración galega a constante interlocución e a permanentemente aberta vía de diálogo entre os colexios profesionais e o goberno galego, o que redunda sempre en beneficio da cidadanía galega.

Alfonso Rueda, participou esta maña no almorzo-coloquio organizado pola Unión Profesional de Galicia, asociación que agrupa a máis de 40 colexios profesionais da maior parte das profesións universitarias, e que engloba a máis de 50.000 profesionais, onde expresou, unha vez máis, a vontade do Goberno galego para explorar todas as vías de colaboración posibles entre a Administración e os Colexios, pensadas sempre no interese xeral dos administrados e consumidores. Así mesmo, felicitou tamén á Unión Profesional de Galicia pola organización das xornadas, unha mostra máis, dixo, da importancia do diálogo permanente ente ambas institucións.

Na súa comparecencia ante os representantes dos Colexios Profesionais, o titular da Vicepresidencia incidiu na relevancia dos Colexios de cara ao interese xeral, tanto no que ten que ver coa defensa das persoas consumidoras, coma no relativo ao control da boa práctica profesional, polo que non só son unha garantía para os usuarios e para os profesionais, senón tamén son unha garantía para a administración.

Para o goberno galego é de especial importancia a relación cos Colexios, xa que tendo en conta o interese público, deber ser colaboradores fundamentais da Administración autonómica para determinados temas, coma ocorre por exemplo, cos Colexios da Avogacía e da Procuradoría, polos que se presta o servizo de asistencia xurídica gratuíta a moitas persoas que o necesitan de xeito imperioso, e que por iso tratase de mellorar cada día coa colaboración dos colexios.

Tamén ten sido fundamental a colaboración cos Colexios para outra das prioridades da Vicepresidencia, que é o impulso dos servizos de mediación intraxudicial, sobre todo no eido dos asuntos de familia. Grazas aos Colexios, tanto da Avogacía como de Psicoloxía, constituíronse servizos de mediación familiar nas seis principais cidades galegas. No ámbito xudicial tamén ten sido fundamental a colaboración cos Colexios de profesións técnicas para a prestación de asistencia pericial á Xustiza galego, e nese sentido téñense asinado convenios cos colexios de arquitectos, aparelladores, informáticos ou psicólogos.

Outra colaboración da administración autonómica coas organizacións colexiais son os Convenios asinados co Colexio de Psicoloxía. En primeiro lugar, a colaboración en materia de protección civil para asistencia a vítimas de catástrofes, e en segundo lugar, para a asistencia ás mulleres vítimas de violencia de xénero. Precisamente no eido da violencia de xénero, en colaboración co Colexio de Enxeñaría Informática, levouse a cabo a creación dunha aplicación para teléfono móbil que permita ás mulleres vítimas asesorarse e acceder a recursos que a Xunta pon á súa disposición.

O ano pasado, o goberno galego aprobou a creación do Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas, a petición dos interesados, e este ano iniciáronse os trámites preliminares coa asociación de Terapeutas Ocupacionais sobre a posibilidade de tramitar a creación dun novo Colexio, ademais de estar en tramitación un anteproxecto de Lei para fusionar os colexios de Economistas e de Titulados Mercantís.

Deja un comentario