+034 986 09 02 04 Venres 25 de Maio de 2018

Cores Tourís comprobou as melloras tecnolóxicas da firma Jamon-es Ramiro de Pontevedra


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra puido coñecer os novos equipos da empresa que supoñen unha mellora tecnolóxica do proceso produtivo, adquiridos grazas a liña de axudas á comercialización e industrialización do departamento autonómico que destinou 2,6 millóns a provincia de Pontevedra en 2015

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá, acompañado do xefe territorial de Medio Rural, Miguel Pérez Dubois, a empresa Jamon-es Ramiro de Pontevedra, onde nos últimos meses adquiriron novos equipos grazas a unha liña de axudas da Consellería de Medio Rural, o que lle permitiu mellorar o proceso produtivo.

Jamon-es Ramiro S.L. dedícase á elaboración de dous tipos de produtos fundamentalmente: salgaduras cárnicas coma costelas, morros, orellas e lacóns, e salgaduras cárnicas curadas coma xamóns.

Conta con 8 traballadores e unha facturación de máis dun millón de euros, cunha produción anual que rolda os 160 toneladas. En canto á comercialización dos seus produtos, o 80% véndeno a comerciantes polo miúdo en Galicia, e o 20% en Asturias e Castela-León.

O delegado territorial puido así coñecer hoxe os novos equipos que adquiriu esta empresa grazas a liña de axudas de 2015 da Consellería de Medio Rural de cara á industrialización e comercialización, e que supuxo un investimento de 78.823 euros, dos cales 35.470 foron aportados pola administración autonómica. De feito, nos últimos anos, Jamon-es Ramiro recibiu 85.108 euros a través desta liña de axudas.

Deste xeito, a empresa pontevedresa puido adquirir en 2015 dous equipos que supoñen unha mellora tecnolóxica do proceso produtivo: unha termoformadora para mellorar o proceso de envasado dos produtos, e un bombo de maceración para mellorar o proceso de salgado de lacóns e pancetas.

O delegado territorial aproveitou a visita a Jamon-es Ramiro para recordar que dentro desta mesma liña de axudas, a Consellería destinou en 2015 un total de 2,6 millóns de euros para a provincia de Pontevedra de cara a execución de obras e melloras por un montante de 8,6 millóns de euros en empresas cárnicas, de pensos e fariñas, de pratos preparados, así como do sector forestal, lácteo, da froita e do pan. Estas achegas tiveron como finalidade incentivar investimentos como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles e a compra de maquinaria e equipamentos novos, incluídos os programas informáticos.

“En 2016, a nova orde, contempla unhas axudas de case 25 millóns de euros para toda Galicia fronte aos 8 do ano pasado, o que ven a destacar a importancia que a Xunta lle da a modernización das instalacións e equipamentos deste tipo de empresas, xa que a innovación supón maior competitividade, subliñou. “Todo isto”, indicou Cores Tourís, “redunda na posta en valor da calidade dos produtos primarios de Galicia, unha das apostas do Goberno Galego. Apostar polo rural é sinónimo de riqueza e benestar”.

Deja un comentario