+034 986 09 02 04 Luns 01 de Xuño de 2020

O Tribunal supremo falla a favor de turismo de Galicia anulando a sentenza que acordou revogar o préstamo FOMIT concedido ao concello de Vilagarcía


O Tribunal Supremo destaca no seu fallo que cando se iniciou o expediente de revogación de préstamo o decreto polo que se regulaba o FOMIT recoñecía as competencias das comunidades autónomas no relativo a tramitación e xestión dos seus préstamos concedidos

O Tribunal Supremo fallou a favor do recurso de casación interposto por Turismo de Galicia contra a sentenza da Sección 4ª da Sala do contencioso administrativo da Audiencia Nacional do 21 de maio de 2014 na que se desestima o recurso contencioso-administrativo interposto por Turismo de Galicia contra a resolución do subsecretario de Industria, Enerxía e Turismos, por delegación da Secretaría de Estado de Turismo, de data 14 de novembro de 2013, que desestima o requirimento dirixido contra unha anterior resolución da Secretaría de Estado de Turismo do 18 de marzo de 2013.

A dita resolución acordaba a revogación da resolución da Secretaría de Estado de Turismo e Comercio do 15 de marzo de 2006 que concedeu ao Concello de Vilagarcía de Arousa un préstamo con cargo ao Fondo Financeiro do Estado para a Modernización das Infraestruturas Turísticas, FOMIT, por importe de 5.995.427,32 euros, e o reintegro parcial do préstamo outorgado.

Agora, o Tribunal Supremo ha lugar ao recurso de casación interposto por Turismo de Galicia anulando a sentenza da Sección 4ª da Sala do contencioso administrativo da Audiencia Nacional do 21 de maio de 2014.

Así mesmo, declara nula a resolución do Subsecretario de Industria, Enerxía e Turismo -por delegación da Secretaría de Estado de Turismo- de data 14 de novembro de 2013 pola que se desestima o requirimento efectuado contra a resolución da Secretaría de Estado de Turismo do 18 de marzo de 2013, de revogación da resolución do 15 de marzo de 2006, pola que se concedeu ao Concello de Vilagarcía de Arousa o préstamo con cargo ao FOMIT.

O Tribunal Supremo falla, ademais, non facer imposición de costas no proceso de instancia, debendo correr cada parte coas súas no recurso de casación.

O Tribunal Supremo destaca no seu fallo que cando se iniciou o expediente de revogación de préstamo o decreto polo que se regulaba o Fondo Financeiro do Estado para a Modernización das Infraestruturas Turísticas recoñecía as competencias das Comunidades Autónomas no relativo a tramitación e xestión dos préstamos concedidos con cargo a fondos do FOMIT.

Así mesmo, sinala que non nos atopamos ante un Concello incumpridor senón ante a negativa da Administración do Estado para reaxustar o proxecto subvencionado conforme a parámetros de realidade.

Deja un comentario