+034 986 09 02 04 Venres 06 de Decembro de 2019

As rebaixas da VIII Feira do Verdugo convértense en antídoto contra a choiva e o mal tempo en Ponte Caldelas



Centos de persoas achéganse esta fin de semana ao pavillón municipal de Ponte Caldelas para facer as súas compras e beneficiarse das oportunidades que ofrecen os comerciantes de COEMPO

Centos de persoas aproveitaron a intensa choiva e a inestabilidade atmosférica para atopar na VIII Feira do Verdugo unha alternativa de lecer e consumo en Ponte Caldelas. Os visitantes a este mercado de oportunidades ubicado no pavillón municipal de deportes, entre os que se atopaban o alcalde Andrés Díaz e os tenentes de alcalde de AVP, Alfonso Gutiérrez e do BNG, Lito Muíños, puideron aproveitarse das enormes rebaixas en produtos que van desde o 20 ao 50% de desconto. A entrada ao recinto é gratuíta e máis dunha trintena de establecementos do municipio ofrecen ás visitantes oportunidades únicas en produtos que contan con toda a calidade.

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e os tenentes de alcalde, Alfonso Gutiérrez e Lito Muíños, así como a concelleira socialista Pilar Couto Seoane, visitaron tamén os distintos stands que compoñen a Feira e destacaron o dinamismo e a competitividade dos prezos marcados polos comerciantes para facer máis atractivo este salón de oportunidades que alcanza xa a súa sexta edición.

ABERTO O DOMINGO EN HORARIO ININTERROMPIDO

A entrada a este salón de oportunidades é totalmente gratuíta e o horario desta feira prolóngase durante todo o día de mañá domingo, de maneira ininterrompida, desde as 10 ás 21 horas co fin de que calquera persoa poida realizar as súas compras comodamente neste novo recinto deportivo, totalmente acondicionado para albergar a mais dunha trintena de casetas relacionadas co sector téxtil, calzado, enxoval, repostería, maquinaria agrícola, sistemas de calefacción, deportes, pesca, caza, mascotas e mundo animal, disfraces, complementos, bixutería, frutería, cosmética, perfumería, videoxogos, etc.

Todos os produtos que poderán ser adquiridos na Feira do Verdugo contarán con todas as garantías de calidade esixidas pola normativa española e europea en materia de dereitos do consumidor coa vantaxe de que estarán a un prezo especial para facilitar a compra por parte dos miles de visitantes que se espera acudan a visitar as novas casetas adquiridas polos empresarios e comerciantes de Ponte Caldelas e que se estrearán na presente edición da Feira do Verdugo.

Os organizadores esperan incrementar aínda máis a presenza de público durante a xornada do domingo non só por residentes nos distintos lugares que compoñen o municipio senón tamén provenientes de poboacións próximas como Fornelos de Montes, Soutomaior, Cotobade, A Lama e a cidade de Pontevedra debido ás boas comunicacións que presenta Ponte Caldelas, a doce minutos da capital e a escasos minutos dos concellos limítrofes.

Ademais, o alcalde Andrés Díaz espera que tamén sexa un bo motivo para pasar un domingo en familia, facendo compras, gozando da gastronomía local sendo esta VIII Feira do Verdugo unha alternativa de lecer e de consumo para un día de domingo marcado pola inestabilidade atmosférica.

Deja un comentario