+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018

A Xunta amplía a 200 mbps a velocidade de conexión a internet de dous centros educativos da comarca de Pontevedra


O CRA de Vilaboa-Figueirido e o CEE Príncipe Felipe dispoñen xa de redes de conexión ultrarrápidas

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de ampliar a 200Mpbs a velocidade de conexión a Internet de dous centros educativos da comarca de Pontevedra. Grazas a esta mellora o CRA de Vilaboa-Figuieirido e o CEE Príncipe Felipe de Pontevedra, que contaban con liñas de 4 e 15 Mpbs, respectivamente, terán un acceso máis efectivo á Rede, sen esperas ou contratempos, permitindo a conexión simultánea dun maior número de equipos e o funcionamento de máis aplicacións informáticas cun tempo de resposta adecuado.

As melloras realizadas nos últimos catro anos permitiron dotar de conexións de 200 Mpbs a máis de 250 centros educativos, que ao longo deste ano se incrementarán ata máis de 400. Esta actuación ampliarase ata o 100% dos centros públicos de primaria e secundaria no prazo de dous anos, grazas a un acordo de colaboración entre a Amtega, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Ministerio de Educación, Cultura e o Deporte e Red.es. Cun orzamento de 19,1 millóns de euros ambas Administracións dotarán de conectividade de 100mbps a outros 839 centros públicos, así como dun punto wifi por cada 60 alumnos en todos os centros.

Plan de Banda Larga 2020
Os despregamentos de infraestruturas de telecomunicacións realizados pola Xunta nos últimos cinco anos, permitiron universalizar o acceso á banda larga de cando menos 2Mbps e que a metade da poboación dispoña da posibilidade de acceso a redes de nova xeración de ata 200Mbps.

Sen embargo a rápida evolución das tecnoloxías require, ademais dunha cobertura universal, velocidades de banda larga moito máis elevadas para garantir o acceso e o emprego de novos e cada vez máis sofisticados servizos dixitais.

Por iso, o Goberno autonómico aprobou o Plan de Banda Larga 2020 para garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga por riba dos 100Mbps.

En 2016 abrirase a primeira convocatoria pública para incentivar os despregamentos de redes de 100Mbps co obxectivo de que no 2020 dispoñan deste servizo todos os núcleos de máis de 500 habitantes, o 60% da poboación da Comunidade

Deja un comentario