+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017

Obras do Plan Marco que se executaron nos camiños municipais da parroquia de Sela en Arbo


A Consellería de Medio Rural e Mar destinou a estes traballos máis de 50.200 euros

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou as obras que se executaron nos camiños rurais da parroquia de Sela en Arbo, dentro do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e do Mar en compaña do alcalde da localidade, Horacio Gil e xunto a xefa do Servizo de Infraestruturas Agrarias, Julia Pérez Pacios.

As obras, que contaron cun orzamento de 50.212 euros, consistiron na mellora dos camiños de Chorio e Carballeira, na parroquia de Sela, onde se melloraron un total de 362 metros de pistas.

En concreto, no caso do camiño do Chorio, mellorouse ao longo de 182 metros. Esta pista, que conta cun ancho medio de tres metros, atopábase xa aglomerada, pero en mal estado, polo que se procedeu, segundo explicou Cores Tourís, a mellorar a capa de rodaxe e a aumentar o ancho da súa lonxitude, “polo que foi necesario construír dous muros, un de perpiaño de 83 metros e outro de cachotaría de 43”. Tamén se acometeu a mellora da drenaxe da vía, se fixeron cunetas de formigón, colocáronse 5 arquetas e instaláronse tubaxes, colocándose zahorra de 20 e mellorándose o firme con aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor.

En canto a pista de Carballeira, traballouse en 189 metros, onde se levou a cabo o saneo, refino e planeo das cunetas, o varrido da totalidade da superficie, a colocación de zahorra e se mellorou o firme con aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor previa regularización do firme. Tamén se colocaron 5 arquetas..
“Sería interesante explicar tamén que, no caso da comarca do Condado-A Paradana, investiranse ao longo do presente ano un total de 221.500 euros dentro do Plan Marco que permite mellorar os camiños rurais. En total, no global da provincia de Pontevedra estanse a investir no 2014 para este tipo de traballos, 2,6 millóns de euros”, engadiu Cores Tourís.
O delegado territorial avanzou, ademais, que, para o exercicio 2014-15, o concello de Arbo contará con 87.680 euros de cara a afrontar novos traballos de mellora de camiños rurais.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou a visita a Arbo para agradecer a colaboración dos alcaldes pola súa colaboración no desenvolvemento destes programas que “poñen de manifesto a sintonía da administración autonómica e os concellos para levar a cabo os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.
Nos últimos anos, a Consellería de Medio Rural investiu na provincia de Pontevedra máis de 35,7 millóns de euros en diversos programas de infraestruturas agrarias, tanto en traballos de emerxencia, mellora de camiños rurais, concentracións parcelarias, etc. No caso do concello de Arbo, o investimento en mellora de vías rurais superou os 803,200 euros en obras nos camiños de Cotiño, Distriz, Teimende e Oteiro, entre outros.

Deja un comentario