+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Agosto de 2018

O concello de Bueu remata o Entroido esta fin de semana, na que tamén acolle actividades alternativas


Bueu celebrará esta fin de semana finalmente os desfiles do Enterriño da Sardiña, o sábado ás 17 horas, e o do Paxaro de Mal Agoiro, o domingo a partires das 18 horas. Tras o aprazamento por mor da chuvia, esta fin de semana porase fin ao Entroido de Bueu con moita festa. Ademais, o sábado ás 22 horas o Bueu Atlético Balonmán organiza unha nova edición do Festival de Comparsas, para axudar ás comparsas participantes que serán Os Mulos, Os do Pinsel, Os máis ou menos, Kantaclaro, As Meigas e Vou nun bou. As entradas están á venda nas librarías Miranda, Marpau e Abrente a un custe de 6 euros. E Beluso tamén celebrará mañá venres o seu propio Festival de Comparsas na Casa do Pobo ás 21 horas, cuxas entradas están xa esgotadas desde fai varios días.
Libros, cine e sesión discoteca
Por outra banda, esta fin de semana tamén coincidirán na vila buenense outras actividades alternativas ao Entroido, tales como a presentación do libro do historiador J. Jacobo Ríos, El inmenso mar de los olvidados, e a proxección do documental Frankenstein 04155 a cargo do seu director Aitor Rei.
Mañá venres ás 20.30 horas terá lugar no Museo Massó a presentación do libro, nun acto que contará co editor José Luis Pardo. Autor e editor vannos falar dunha obra inspirada en feitos históricos que tiveron lugar no século XVI na Costa da Morte durante os enfrontamentos entre España e Inglaterra. É este un libro de naufraxios, de soños e derrotas.
E a proxección do documental está organizada para as 20 horas do sábado polo Cineclub Bueu. O filme, que se poderá visionar a un custe de 2 euros para socios e de 3,50 euros para non socios, reflexiona sobre a verdade oficial do que pasou aquel 24 de xullo de 2013, cando descarrilou en Santiago un tren Alvia que acabou coa vida de 81 persoas e deixou máis de 140 feridos.
Para o sábado a partir das 17 horas tamén está organizada unha Sesión de Discoteca Light a cargo dos alumnos e alumnas de 2º e 3º da ESO do IES Illa de Ons. Será no Pub La Playa e todos os beneficios irán destinados ao financiamento da excursión Semana Branca.

Deja un comentario