+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018

A Xunta aproba o decreto que regula o Censo de Vivendas Baleiras, no que estarán inscritos os inmobles propiedade de entidades financeiras e situados en concellos de máis de 10.000 habitantes


Subliña que o incumprimento da obriga de inscrición suporá unha sanción de ata 3.000 euros por inmoble

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, deu conta hoxe da aprobación por parte do Consello da Xunta do decreto polo que se crea e regula o Censo de Vivendas Baleiras de Galicia, no que obrigatoriamente deberán estar inscritos aqueles inmobles propiedade de entidades de crédito ou similares sempre que se atopen en concellos de máis de 10.000 habitantes.

Na rolda de prensa posterior á xuntanza do Consello, Feijóo precisou que as entidades de crédito terán seis meses, desde a entrada en vigor do decreto para inscribir no censo os inmobles que nese momento se atopen desocupados. E subliñou que o incumprimento da obriga de inscrición suporá unha sanción de ata 3.000 euros por inmoble.

Segundo explicou, no caso das vivendas que se rematen con posterioridade á entrada en vigor do decreto, establécese un prazo máximo de oito meses dende a obtención da licenza de primeira ocupación. E o mesmo prazo de oito meses aplicarase tamén para aquelas vivendas que queden desocupadas polo remate dun contrato de alugueiro ou ben debido á súa compra.

O presidente concretou que, ademais, poderán inscribirse de forma voluntaria aquelas vivendas que estean en concellos de menos de 10.000 habitantes e o resto de propietarios de vivendas baleiras.

A finalidade do censo, dixo, é dispoñer de información adecuada sobre o parque de vivendas baleiras de Galicia e poder así realizar unha mellor planificación social da política de vivenda. E, ao mesmo tempo, facilitar a incorporación ao mercado daquelas vivendas baleiras propiedade dos bancos, promovendo así a súa participación nas políticas sociais de vivenda.

Fomentar o uso das vivendas baleiras
Nese sentido, sinalou que o decreto tamén establece as medidas que poderá poñer en marcha a Xunta para fomentar o uso das vivendas baleiras. E, entre elas, mencionou a posibilidade de lograr acordos cos propietarios para que as vivendas atendan a persoas afectadas por desafiuzamentos debido ao impagamento de rendas ou por execucións hipotecarias. Tamén, a de intermediar entre os propietarios e as persoas que demandan unha vivenda para concertar arrendamentos ou mesmo compras. Ou a de incluír as vivendas nos programas de fomento do alugueiro que desenvolvan a Xunta ou os concellos.

Segundo engadiu, promover a participación das entidades financeiras nas políticas sociais de vivenda é un reto no que a Xunta xa leva avanzado a través dos convenios asinados co Sareb e coas entidades financeiras; unha das dez medidas que o Goberno galego ten posto en marcha en materia de vivenda xunto a outras como: o programa de realoxo de afectados por execucións hipotecarias, o programa Reconduce ou o Bono de alugueiro social.

Son todas elas iniciativas que, en palabras do presidente, teñen uns obxectivos claros: garantir o acceso a todos os cidadáns a un teito, axudar aos que máis o precisan e acabar cos desafiuzamentos.

Deja un comentario