+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

A Consellería de Cultura e Educación incrementa nun promedio do 5% a dotación económica para os gastos de funcionamento nos centros públicos de primaria e do 3% nos de secundaria


Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia manifesta o seu compromiso de que a mellora da situación económica se reflicta na xestión dos centros

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de incrementar as contías que os centros públicos de ensino perciben anualmente en concepto de gastos de funcionamento. A medra é dun promedio do 5% no caso dos centros que imparten ensinanzas de educación infantil e primaria, e de arredor do 3% para os de secundaria. Estas cantidades serán transferidas proximamente os seus destinatarios, unha vez rematada a tramitación administrativa correspondente.

O citado incremento na dotación orzamentaria, posibilitará que os centros públicos de educación infantil e primaria reciban, en concepto de gastos de funcionamento, un total de 11,8 millóns de euros no ano 2016. No caso da ensinanza de secundaria o orzamento global ascende a 29,7 millóns de euros para o presente ano.

As contías totais distribúense entre os centros en función de criterios obxectivos de reparto, entre outros, o número de liñas e alumnado co que conta, a súa superficie, o tipo de ensinanzas que se imparten ou características concretas dalgún deles. Con este incremento o departamento educativo da Xunta de Galicia manifesta o seu compromiso de que a mellora da situación económica se reflicta directamente no orzamento do que dispoñen os centros para xestionar e facer fronte aos gastos necesarios para o seu funcionamento.

Esta dotación orzamentaria, xunto con outros programas e actuacións da Consellería como por exemplo o Plan de Mellora de Bibliotecas escolares, os contratos programa ou a dotación de material e recursos para a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, posibilitan que os centros, no marco da súa autonomía de xestión económica, administren con criterios de eficacia e eficiencia os recursos dispoñibles contribuíndo a desenvolver e acadar os seus obxectivos.

Deja un comentario