+034 986 09 02 04 Martes 20 de Outubro de 2020

A Xunta de Goberno da Deputación aumenta en medio millón de euros os préstamos sen xuros a concellos da provincia


Carmela Silva destacou que “a través desta actuación destinaranse ós concellos préstamos que, por vez primeira, non lle reportarán xuros,nin comisións,nin gastos, xa que, ata o de agora, tiñan que abonar o 2% de intereses”

A Presidenta da Deputación de Pontevedra informou que a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou as bases para a concesión por concorrencia competitiva de préstamos sen xuros a municipios da provincia de Pontevedra de menos de 50.000 habitantes durante o ano 2016. Para esta actuación, o novo goberno da institución provincial parte dun crédito inicial de 1.500.000 € que, como manifestou Silva, “significa medio millón máis que no ano 2015, cando se concederon anticipos a 8 concellos da provincia (Fornelos de Montes, Valga, Ponte Caldelas, Vila de Cruces, Nigrán, Dozón, Catoira e Mondariz)”.

Os concellos con poboación inferior ós 50.000 habitantes poderán solicitar estes préstamos para o financiamento de inversións e operacións de tesourería, para facerlles fronte a necesidades urxentes ou desfases transitorios. A Presidenta da Deputación indicou que “o importe máximo que se pode conceder é o 90% do custo do investimento, sen que supere os 400.000 €”. Amais, tal e como subliñou Silva “os préstamos non lle reportarán ós concellos xuros, nin comisión nin gastos doutro tipo xa que, ata o de agora, tiñan que abonar o 2% de intereses”.

Carmela Silva destacou que estes préstamos se concederán por concorrencia competitiva e que os concellos poderán presentar as solicitudes nun prazo de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO).

Deja un comentario